A carreira solidaria Alas de Vida celebrarase o vindeiro sábado, 23 de setembro, en Burela. A primeira saída, cun percorrido de 7,5 quilómetros, será ás 10:30 e a continuación terán lugar as carreiras para os máis pequenos que ocasionarán cortes no tráfico rodado nas rúas Curros Enríquez, Pardo Bazán, Castelao e Lamestra. Xa pola tarde será o paseo solidario. Na presentación, que tivo lugar este mediodía, participaron o alcalde, Alfredo Llano, e o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, xunto a membros da asociación cultural Fanto Fantini.
O edil burelés explicou que “hoxe tivemos a xuntanza para preparar Alas de Vida, unha carreira solidaria que se vai disputar o vindeiro sábado, día 23, en Burela. Estivemos pechando os últimos flecos para o tema dos percorridos e a necesidade de persoal que vamos ter para a mesma. É unha carreira que organiza a asociación cultural Fanto Fantini en colaboración co Concello. Valoramos que é para unha causa solidaria, para recadar fondos para intentar tratar a pel de mariposa, unha enfermidade que agora mesmo é moi descoñecida e están buscando fondos para a investigación e para intentar paliala”.
Fernández Rey contou que “as carreiras van ter a saída a partir das 10 e media da mañá, que é cando sairá a primeira proba, de 7,5 quilómetros, que irá desde a Praza da Mariña ata a praia da Marosa e volverá á Praza da Mariña. A continuación comezarán as carreiras de nen@s e categorías inferiores, que van influír no tráfico de Burela esa mañá posto que vamos ter que cortar algunha rúa céntrica con motivo da carreira. As máis afectadas van ser as rúas Curros Enríquez, Pardo Bazán, Castelao e Lamestra. Pedimos á xente que teña paciencia e avisamos que o sábado pola mañá esas rúas van ser unha zona conflitiva para andar con coches. Pedimos a todos os veciños e veciñas que teñan en conta que é unha causa solidaria e intenten circular o menos posible por estas rúas que dixen antes”.
O concelleiro de Deportes engadiu que “pola tarde vamos ter o paseo solidario, que se fai todos os anos con motivo desta celebración e que vai saír ás catro da tarde dende a Praza da Mariña”.