Camiño Escena Norte inicia esta fin de semana a súa andaina por Galicia cunha función gratuíta o 15 de setembro en Foz

A cuarta edición de Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural no que participan compañías de teatro, danza e artes do movemento e novo circo de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, iniciará esta fin de semana a súa andaina polo territorio galego da man do Ciclo Constelacións, a programación itinerante de corte xeneralista que conforman 15 propostas diferentes. Este venres 13, ás 19.00 horas, a praza compostelá de Praterías acollerá o espectáculo inaugural Check Out, do asturiano Adrián Conde, unha proposta dirixida a público de todas as idades, especialmente o infantil. En caso de choiva, a función -prevista inicialmente para a praza da Quintana-, terá lugar no Salón Teatro. Nos dous casos, o acceso será de balde ata completar capacidade.

Check out é unha das propostas máis premiadas este ano en Asturias. Adrián Conde foi galardoado co Premio Fetén ao Mellor Intérprete e tamén recibiu o Premio Oh! Das artes escénicas asturianas ao Mellor Espectáculo Infantil. Trátatse dunha comedia visual inspirada no cine mudo e na que o protagonista, Eugenio, é un mozo de servizo dun hotel que, entre equívocos, xogo de clown e moita diversión, descobre ao longo dunha xornada imprevista de traballo que non hai mellor futuro que vivir gozando do presente.

Dous días despois, o domingo 15, terá lugar a estrea de Foz como sede do Camiño Escena Norte, que este ano chega, na súa edición máis expansiva, a 13 localidades do país. As compañías navarras Yarleku e El punto Gunea aterrarán na Mariña luguesa para presentar By ò Bu. Aproximación al no existir, un espectáculo  de novo circo dirixido a publico adolescente e adulto e que, a través do movemento, o trapecio e a palabra, expón a conversa entre as dúas partes dun mesmo ser, que aborda no diálogo a posibilidade de deixar de existir. A función, que se representará na Praza Conde do Fontao - se chove trasladarase á sala Bahía-, comezará ás 21.00 horas e tamén será de acceso libre ata completar capacidade. 

Habitación Peregrina PRO pechará o venres 13 o prazo de inscrición
A sexta edición de Camiño Escena Norte traerá novamente a Galicia a celebración do encontro escénico profesional Habitación Peregrina PRO, o espazo de convivencia onde as compañías entran en contacto, coñecen as súas liñas de traballo e propostas estéticas, profundan na realidade dos distintos circuítos de programación, exploran vías de coprodución e acceden a propostas de formación que sexan de interese para o seu desenvolvemento profesional. 

Habitación Peregrina PRO celebrarase do 17 ao 19 de setembro no centro O Vello Cárcere, de Lugo, e, nesta ocasión, ábrese a participación ás compañías e axentes do sector profesional dos demais territorios do Estado, á fin de favorecer unha maior conexión cultural interterritorial. Durante as tres xornadas, abordaranse cuestións como a inclusión e accesibilidade a partir dun taller de teatro accesible impartido por Chévere, o potencial transformador das artes escénicas desde un enfoque sostible ou mesmo cuestións legais e fiscais claves para as compañías no seu día a día. 

Ademais, tamén por vez primeira en Habitación Peregrina PRO, haberá novos espazos de convivencia en horario nocturno, que servirán para que as e os participantes descubran a gastronomía local ou mesmo coincidan nunha “pista de baile”  grazas á actividade ¡Discoteca de Señoras... y Señores también!, que contará coa bailarina Marta Alonso Tejada e coa cantante Mounqup como anfitrioas.