O Concello de Burela aposta por darlle vida aos barrios históricos da vila aos que achegará o cine ao aire libre este verán.
A concelleira de Cultura, Lina Gómez, explicou que “a primeira sesión de Cine na Rúa terémola este venres, 14 de xullo, ás 22:30 horas na Praza do Concello, onde proxectaremos Lightyear 2022”.
A edil burelesa adiantou que “haberá máis Cine na Rúa o 28 de xullo, o 10 e o 18 de agosto”.
Gómez subliñou que “con esta actividade queremos promover a cultura do cine. Asemade queremos potenciar e abrir este tipo de eventos noutras zonas da vila como son as Casas Baratas, saíndo así das prazas habituais. Incluso unha veciña do barrio nos contou que lle parecía unha boa idea, e que lle recordaba á súa nenez cando proxectaban nunha saba as películas”.
Lina Gómez agarda que “esta novidade teña unha boa acollida”.
A alcaldesa, Carmela López, subliñou que “planificaremos e publicaremos calendarios mensuais que conteñan toda a oferta que hai en Burela, coordinando as áreas transversalmente e tentando darlle vida a todos os barrios da vila. De feito o Cine na Rúa arrinca na Praza do Concello, pero vai pasar polas Casas Baratas, por exemplo”. E engadiu que “nos vindeiros días daremos a coñecer todas as actividades das que tanto a veciñanza como os visitantes poderán disfrutar”.
Na presentación do Cine na Rúa participaron a rexedora, Carmela López, a concelleira de Cultura, Lina Gómez, a concelleira de Festas e Festexos, Patricia Eijo, e o concelleiro de Deportes, Carlos Méndez.