A asociación Esperanza, de Burela, anuncia que desde o luns 20 de xaneiro poñen á venda as entradas para o II Concerto Benéfico en conmemoración do Día Mundial da Loita contra o Cancro, que terá lugar na Casa da Cultura de Burela o día 8 de febreiro, sábado, ás 20:00 horas. Actuarán o grupo de cantareiras As Grileiras, da Sociedade Cultural Recreativa Ledicia; Diavolinos e Basquiat. O acto será presentado por Luz López Arnau, Miss Abuela de España 2024.
“O prezo das entradas será de 5 euros e poderanse adquirir nos comercios de ACIA, en Cinza, en El y Ella Joven, na Pastelería Méndez (Ferreira) ou mediante a propia Asociación. Queremos facer fincapé no feito de que todo o recadado mediante a venda destas entradas irá, coma sempre, integramente destinado á doazóns a entidades dedicadas á investigación contra o cancro”, explica a asociación Esperanza, que engade: “agradecer aos nosos colaboradores e aos nosos socios e socias a súas achegas, sen as cales este evento non sería posible. Cada xesto e cada axuda, por pequena que pareza, suma e aporta á investigación. Investigación é vida. Vida é esperanza”.