Burela acolle este domingo, 21 de abril, a primeira fase da liga provincial de ximnasia rítmica nos niveis escolar, promoción e pre-base

Burela acollerá, no pavillón Vista Alegre, a Primeira Fase da Liga Provincial de Ximnasia Rítmica nos niveis escolar, promoción e prebase. Trátase dunha das citas máis importantes da ximnasia na provincia de Lugo, e contará con preto de 600 ximnastas participantes. Terá lugar este domingo, día 21 de abril. O equipo comarcal, a Escola Porta Norte, que conta cunhas 70 ximnastas en Burela, participará en todos os niveis da competición.

"Dende o Concello de Burela sempre apostamos polos eventos deportivos de nivel, como é o caso desta competición", sinala a alcaldesa Carmela López. A rexedora quixo "dar todo o noso ánimo ás ximnastas da Escola Porta Norte, que de seguro lograrán excelentes resultados nesta cita".

Na mañá do domingo disputaranse as competicións do nivel Promoción nas modalidades de Conxuntos e Individuais e do nivel Escolar nas categorías Iniciación, Cadete e Sénior. Pola tarde competirán o resto das categorías do nivel Escolar, a prebenxamín, a benxamín e a alevín, e o nivel prebase.

As ximnastas participantes buscarán acadar as mellores puntuacións posibles para lograr pasar ao Campionato Galego na Segunda Fase da Liga Provincial, que terá lugar en Monforte de Lemos o día 11 de maio.