A Biblioteca Pública de Alfoz conta desde hoxe cun Recuncho Violeta. Trátase dun espazo propio con libros e xogos específicos de igualdade. Sobre todo para os máis novos, nos que se fomente o respecto e os valores, o coñecemento e xestión das emocións, a diversidade, etc. que no fondo son os pilares para unha sociedade máis igualitaria.
Moitas das obras que recomendamos nas Axendas Coeducativas poderán atoparse nos nosos andeis, os cales se irán completando con máis contidos nun futuro. Banda deseñada, contos, novela, ensaio e poesía para todas as idades.
Tamén xogos que se poderá utilizar na biblioteca, levar en préstamo e que serán utilizados nas actividades do Programa de Conciliación do CEIP Castro de Ouro.
Temos 2 Recunchos Violetas, un físico na Biblioteca e outro dixital dentro do Blogue da Bibloteca que temos hospedado na web municipal no que se tratan temas específicos de igualdade A nosa biblioteca (bibliotecadealfoz.blogspot.com)
Tendo en conta que as bibliotecas actuais son espazos “sociais”, sobre todo nas poboacións pequenas coma a nosa, deben de ir máis alá de dar só un servizo puramente bibliográfico. De aí que pretendamos organizar actividades a prol da igualdade, para os máis pequenos sobre todo, e, ao mesmo tempo, dotar de materiais á biblioteca, destacando a parte dedicada aos xogos a través dos que se traballa a coeducación, a eliminación dos estereotipos e o fomento da non violencia.
O Recuncho Violeta forma parte das accións municipais subvencionadas a través do PROGRAMA DE SENSIBILIZACIÓN, INFORMACIÓN E DIFUSIÓN SOBRE IGUALDADE E PREVENCIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, do Ministerio de Igualdade e do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.