A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá este venres, día 24 de agosto, o seu tradicional concerto de bandas sonoras de películas. Será ás 22:00 horas e cambiará a súa localización habitual para a escalinata do Concello.
O director da Banda Municipal de Música de Ribadeo, David Ballester, conta que “a Banda Municipal de Música de Ribadeo segue coa súa serie de concertos de verán, e volvemos facer o concerto de música de cine que vai ser este venres, 24 de agosto, ás dez da noite. Este ano, como novidade, imos cambiar a ubicación, vai ser tamén no parque San Francisco, pero nas escalinatas do Concello”.
David Ballester considera que “vai ser un lugar moi bonito para celebrar o concerto, no que tocaremos pezas de películas moi coñecidas por grandes, medianos e pequenos, por toda a xente, coa súa proxección de imaxes mentres a Banda Municipal interpreta as bandas sonoras desas películas”.
O director da Banda de Ribadeo quere “convidar a toda a xente que estea ese día por Ribadeo a que se achegue ao parque San Francisco, á altura do Concello, ás dez da noite. O repertorio vai ser todo de bandas sonoras e a Banda, como pode gozar de boa saúde, vai tocar varias obras por primeira vez. Creo que é algo importante que unha Banda como a Municipal de Música de Ribadeo siga adiante con estreas de obras e tamén retome algunhas que xa tocara”.
Ballester insiste en “convidar a toda a xente a que se achegue e goce do concerto de bandas sonoras”.