A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá o seu tradicional concerto de Nadal titulado Aquí como en Viena este sábado, día 28 de decembro, ás 20:30 horas no auditorio municipal Hernán Naval. Nesta ocasión levará a batuta o subdirector da formación, Rubén Solloso, que substitúe ao titular da Banda, David Ballester, que está de baixa.
Rubén Solloso anunciou que esta actuación “terá dúas partes: a primeira será con temática de Nadal e obras que van ir de menos a máis, xa verán os que vaian ao concerto a que me refiro con isto; e despois terá unha segunda parte xa máis tradicional, na liña que víñamos facendo, de temas relacionados co concerto de aninovo en Viena, con valses e ese tipo de pezas”.
Para Rubén Solloso esta será a primeira vez que dirixa un concerto enteiro da Banda de Ribadeo. Explica que é “por circunstancias sobrevindas, xa que temos ao director titular de baixa; e eu fun nomeado subdirector hai uns anos por se pasaba algo como o que ocorreu agora. Algunha vez xa dirixira partes de actuacións, tamén en Nadal, xa hai anos, pero esta será a primeira vez que dirixa o concerto enteiro”.
Solloso tamén comentou: “como saben os seguidores da Banda, tivemos que aprazar o concerto de Santa Cilla, que estaba dedicado aos afectados pola DANA de Valencia; seguímonos acordando deles e esta actuación tamén lla dedicamos. E ademais eu persoalmente e tamén desde Amadores da Música e os membros da Banda tamén queremos dedicarllo a David e desexarlle unha pronta recuperación”.
A entrada para o concerto será de balde ata completar o aforo do auditorio.