As axencias de Eroski Viaxes en Burela e Ribadeo organizan unha viaxe en grupo a Croacia desde A Mariña para a Semana Santa, concretamente do 18 ao 21 de abril. O número de prazas é limitado a 35 persoas polo que os interesados deben reservar canto antes.
O xerente de Eroski Viaxes en Burela e Ribadeo, Pedro Fraga, explica que “o día 18 de abril temos unha saída desde A Mariña, en autobús ao aeroporto de Asturias, para facer unha viaxe a Croacia, concretamente a Dubrovnik. É un vo directo de pouco máis de tres horas”.
Pedro Fraga engade que “imos estar desde o 18 ata o 21 de abril pasando eses días da Semana Santa en Dubrovnik. Ofrecemos un paquete que vale 920 euros e que inclúe o autobús desde A Mariña, para que o cliente non se teña que preocupar de nada máis, a estancia de catro días nun hotel de catro estrelas con vistas ao mar en Dubrovnik, nun sitio privilexiado, e tamén unha visita panorámica, aloxamento e almorzo. Imos dar a opción de ir tamén a Montenegro e Mostar, porque imos estar catro días alí e imos aproveitar algún dos días para facer algunha excursión. E volveremos o domingo á tardiña para chegar á Mariña a última hora da tarde”.
O xerente de Eroski Viaxes en Burela e Ribadeo salienta que “é unha zona espectacular. Dubrovnik en concreto é unha das cidades máis bonitas do Mediterráneo, sen ningunha dúbida. Foi unha cidade que resultou practicamente destruída ou moi danada na guerra dos Balcanes e foi reconstruída. Ten un casco histórico que é patrimonio da Unesco, e alí imos atopar un porto precioso, unha catedral tamén moi bonita e a farmacia máis antiga de Europa, como curiosidade. É unha cidade amurallada na que imos poder pasear polo adarve e ten unhas praias preciosas, a costa é espectacular. Ademais as visitas opcionais que propoñemos, sobre todo a de Montenegro, creo que merecen moito a pena”.
Para concluír Pedro Fraga di que “o prazo para anotarse remata a mediados do mes de marzo, pero a dispoñibilidade non é moi grande xa que é un vo chárter e canto antes se poida confirmar mellor. As prazas son limitadas para un máximo de 35 persoas”.