A axencia de viaxes Augasantas, de Ribadeo, organiza para o 17 de decembro unha excursión desde A Mariña para visitar o Belén Artesanal en Movemento de Valga, en Pontevedra, e Padrón.
A viaxe empezará en Ribadeo e o autocar recollerá a participantes noutras localidades da Mariña. En Padrón visitarán a localidade e o mercado semanal e comerán. Despois desprazaranse ata Valga para ver o seu gran belén, declarado de interese turístico galego.
O prezo para participar na excursión é de 30 euros por persoa e inclúe o desprazamento en autocar, a comida, a visita ao Belén de Valga e o seguro de viaxe obrigatorio. Para a reserva de prazas hai que dirixirse a axencia de viaxes Augasantas, que está no baixo número 6 das galerías San Francisco-Reinante, de Ribadeo, ou chamar aos teléfonos 676.44.54.65 ou 982.87.74.70.
O Belén Artesanal en Movemento de Valga é unha das composicións do Nadal máis espectaculares de Galicia, non só polas súas dimensións, xa que non se limita a recoller escenas típicas da tradición relixiosa senón que incorpora tamén elementos da actualidade. Desde 1995 é un dos acontecementos sociais e culturais máis importantes e esperados do ano para miles de persoas que se trasladan desde diferentes puntos de Galicia para admirar de preto as figuras talladas a man que representan todo tipo de motivos do Nadal, pero tamén aspectos relacionados coa actividade e a actualidade en Valga e en toda España.
As escenas que se representan non son as típicas dun deserto e camelos, que tamén os hai, senón que tamén se pode ver como se realiza a tradicional matanza do porco ou como unha señora muxe unha vaca, entre moitas das escenas da Galicia rural que se poden contemplar, nunha paisaxe con distintos microclimas dentro dun espazo de enormes dimensións. Está considerado como o belén artesanal en movemento máis grande de Galicia e un dos máis importantes de España. Consta aproximadamente de algo máis de 3.000 pezas, estando moitas delas en movemento. Entre as figuras atópanse personaxes ilustres do municipio de Valga (A Bela Otero e Xesús Ferro Couselo) e do resto de Galicia (Rosalía de Castro, Castelao, Camilo José Cela, etcétera).
As figuras e decorados están feitos de papel, escaiola, pasta de modelar, arame, madeira, pedra, sendo o traballo completamente artesanal e a maioría dos materiais son reciclados, como por exemplo os motores que moven as figuras. Esta tradición artesanal non está rifada coas novas tecnoloxías, xa que a través dun computador e un programador simulan as distintas fases do día así como outros efectos (luz, son, neve, tronos, etcétera).