A Concellería de Cultura anunciou que esta semana se reanudou o prazo para participar no IV Certame Xuvenil Literario e de Artes Plásticas Concello de Ribadeo. A data para a presentación de traballos é ata o vindeiro 20 de xuño. A edil Pilar Otero anima a participar nesta cita na que se establece un premio de 300 euros en cada categoría: relato curto, poesía e debuxo.
Pilar Otero declarou que “esta semana se reanudou o prazo para a participación no IV Certame Xuvenil Literario e de Artes Plásticas Concello de Ribadeo. Poden participar todas as persoas que naceron ou viven en calquera dos Concellos da Mariña e que, con data 20 de abril de 2020, tiñan entre 16 e 30 anos”.
A concelleira de Cultura lembrou que “se establecen tres modalidades de participación: relato curto, poesía e debuxo, cun so traballo por persoa de temática libre aínda que se valora de xeito especial que as obras teñan perspectiva de xénero e que reflictan aspectos ou elementos de Ribadeo e da súa comarca”.
Otero Cabarcos engadiu que “haberá un premio de 300 euros en cada categoría. Desde a Concellería de Cultura animamos a toda a mocidade a participar neste certame. As bases xa foron publicadas a finais do mes de marzo e agora pódense revisar de novo na páxina de facebook de Cultura”.