A Deputación de Lugo estreou este mércores a segunda edición do programa de viaxes gratuítasCoñece a túa provincia, do que se beneficiarán máis de 3.000 persoas de 136 asociacións e colectivos lucenses. Nesta segunda edición os usuarios e usuarias viaxarán en dúas quendas que permitirán coñecer a provincia en primavera, dende hoxe e ata o 30 de xuño, e en outono, de setembro a novembro.
A primeira entidade beneficiaria, a Asociación Provincial de Amas de Casa e de Consumidores de Lugo Lucus, visitou o Pozo da Ferida e o concello de Ferreira do Valadouro para despois seguir a ruta no castelo de Castrodouro e a Finca Galea, ambos en Alfoz. A ruta comezou cun percorrido polo Pazo de San Marcos onde puideron coñecer a historia do edificio.
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, acompañou aos primeiros participantes e destacou que a reedición deste programa, incluído no Plan de Impulso da Economía da Provincia que lanzou a Deputación, “ten como obxectivo seguir favorecendo o coñecemento da provincia entre os propios veciños e veciñas, e apoiar a actividade da hostalería, do turismo e do comercio fronte ao impacto da pandemia, ao tempo que seguimos consolidando un modelo de turismo de calidade, sostible, con capacidade para atraer visitantes ó longo do ano, que pon en valor o patrimonio e que mantén e crea emprego, sobre todo no rural”.
“80 asociacións e colectivos da provincia participarán entre esta semana e o mes de xuño nas visitas coas que percorrerán o patrimonio natural, histórico, gastronómico e cultural dos concellos lucenses”, explicou García Porto. A primeira parada de cada viaxe realizarase sempre nun espazo de titularidade provincial, como pode ser o Pazo de San Marcos, o Centro de Produción Audiovisual, a Granxa Gayoso Castro, o Centro de Interpretación Terras do Miño ou o Mazo de Santa Comba.
A institución provincial recibiu 170 solicitudes durante o período de inscrición, das que foron admitidas 135 seguindo a orde de inscrición ata completar as prazas dispoñibles, tal e como sinalan as bases. Ademais, aceptáronse 32 entidades que entraron na listaxe de agarda.
O programa Coñece a túa Provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas serán realizadas por profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e polo persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.