A Deputada de Recadación e Facenda, Mayra García Bermúdez, e o Alcalde de Burela, Alfredo Llaño García, inauguraron a mostra itinerante, A colección de ourivaría Antiga do Museo Provincial de Lugo, que estará exposta ata o 30 de xullo na Casa da Cultura do Concello de Burela, coincidindo coa Festa Castrexa que se celebra os días 14, 15 e 16 de xullo en dito municipio mariñán.
García Bermúdez destacou que “no ano 2015 a colección de ourivaría de Álvaro Gil Varela foi declarada Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia, e con motivo desta importante distinción, dende o Goberno da Deputación,poñémos en valor a riqueza patrimonial galega e os fondos dos nosos museos, ao tempo que contribuímos cunha actividade lúdico-culturalá programación da VI edición da Festa Castrexa de Burela”.
A mostra propón unha visión completa, a través dunha réplica do torques de Burela e 9 paneis fotográficos explicativos, da colección de obxectos de ourivaría prehistórica e antiga, fundamentalmente áurea, dos fondos do Museo Provincial de Lugo, ademais de mostras que abarcan desde o II milenio a. C. ata o século VI d. C.
A colección de ourivaría antiga Álvaro Gil, que actualmente se exhibe na sala 8 do Museo Provincial, está formada por 40 pezas da época castrexa, entre as que se atopan torques, brazais, arracadas e pulseiras procedentes de diversos Concellos lucenses, así como doutros lugares de Galicia. Inclúe, ademais, emblemáticas xoias como o Torque de Burela, o máis grande atopado en Galicia, e o Carneiro Alado, peza de valiosa execución artística e de incerta procedencia xeográfica.
Esta colección destaca, en primeiro lugar, polo elevado número de pezas que a compoñen, así como pola súa variedade morfolóxica. A maior parte corresponde a elementos de adorno persoal, cun grande carácter simbólico que indicaban a riqueza, o status ou o poder da persoa. Ademais, a mostra exposta no Museo Provincial de Lugo, conta con tortas, lingotes e arames que permitenanalizar os métodos de obtención do metal áureo e os primeiros pasos do traballo ourive.O tesouro goza da consideración de Ben de Interese Cultural (BIC), o que lle outorga a máxima protección patrimonial segundo a lexislación autonómica vixente.