A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, presentou este luns no Centro de Artesanía e Deseño, os 3 roteiros para visitar obradoiros de artesáns de toda a provincia (zona centro, mariña e sur), totalmente gratuítos,que o Executivo Provincial ofrece o 31 de marzo, o 1 e 2 de abril para celebrar os Días Europeos da Artesanía. Fíxoo xunto a varios artesáns lucenses que participan nesta cita cos seus obradoiros.
García Porto subliñou que “dende o Goberno da Deputación ofrecemos este tipo de iniciativas, totalmente gratuítas, para fomentar un dos oficios máis ligados á identidade galega que axuda a fixar poboación nas zonas rurais, ademais de ser unha actividade económica cun grande valor engadido. Con estas rutas por todo o territorio lucense conseguimos que os participantes coñezan un pouco máis do traballo diario que realizan os artesáns da nosa provincia.”
Inscricións
Os interesados en participar nas rutas artesanais teñen do 21 ao 29 de marzo, para enviar un correo a info.centrad@deputacionlugo.org indicando os seus datos persoais: nome completo, DNI, número de teléfono e a ruta específica do seu interese.A selección de participantes farase por rigoroso orden de inscrición. Para a ruta pola cidade de Lugo hai dispoñibles 82 prazas, e para as da Mariña e o Sur, 42 respectivamente.O Executivo Provincial achega para as rutas aos obradoiros dos artesáns da provincia buses, totalmente gratuítos, que sairán todos os días ás 9:00 horas na Rolda da Muralla, diante da Capela de Santa María.
Ademais, durante os Días Europeos da Artesanía, o Centro de Artesanía e Deseño ofrecerá xornadas de portas abertas, totalmente gratuítas para os lucenses, nas que poderán visitar a Exposición Plastishistoria da Ciencia, a Colección de Instrumentos Musicais, e os obradoiros do Moble, do Libro e Instrumentos Musicais. O horario é de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.
Roteiros
O venres 31 de marzo: terá lugar a ruta polos obradoiros artesáns da cidade de Lugo, que contan con 2 microbuses.
A ruta do primeiro é a seguinte:
- Ás 9:00 horas comezará o roteiro na Rolda da Muralla.
- De 9:15 a 9:45 horas visita a Barro en Vivo.
- De 10:00 a 11:00 horas visita a Traxandaina.
- De 11:15 a 11:45 horas visita a Mi madre no lo sabe.
- De 11:50 a 12:30 horas visita a Quercur.
- De 12:45 a 13:15 horas visita a Pátina.
- De 16:00 a 17:00 horas visita ao Obradoiro Lis.
- De 17:15 a 18:15 horas visita a Augatina.
- De 18:30 a 19:30 horas visita a Amalgama.
A ruta do segundo microbús é a seguinte:
- Ás 9:30 horas comezará o roteiro na Rolda da Muralla.
- De 9:45 a 10:30 horas visita a Barro en Vivo.
- De 10:45 a 11:45 horas visita a Traxandaina.
- De 12:00 a 12:30 horas visita a Mi madre no lo sabe.
- De 12:35 a 13:15 horas visita a Quercur.
- De 13:30 a 14:00 horas visita a Pátina.
- De 17:00 a 18:00 horas visita ao Obradoiro Lis.
- De 18:15 a 19:15 horas visita a Augatina.
- De 19:30 a 20:30 horas visita a Amalgama.
O sábado 1 de abril: os participantes dos roteiros visitarán os obradoiros artesáns da mariña lucense.
- Ás 9:00 horas comezará o roteiro na Rolda da Muralla.
- De 10:20 a 12:00 horas visita a Regal Cerámica.
- De 12:15 a 13:30 horas visita a Oscar Rodríguez.
- De 15:30 a 17:30 horas visita a Astilleros Fra.
- De 18:30 a 20:00 horas visita a Taller Estampa.
O domingo 2 de abril: os participantes dos roteiros visitarán os obradoiros artesáns do sur da provincia.
- Ás 9:00 horas comezará o roteiro na Rolda da Muralla.
- De 9:40 a 11:10 horas visita a Arxemil Luthier.
- De 11:50 a 13:30 horas visita a En Lá.
- De 15:45 a 17:00 horas visita a Rectoral Gundivós.
- De 18:15 a 19:30 horas visita a Armaior.
Obradoiros participantes
- Amalgama: é un espazo dedicado á artesanía en xeral e aos oficios da pratería e cestería en particular que se suma á celebración dos Días Europeos da Artesanía abrindo as súas portas ao público para que coñezas de cerca o traballo dos seus propietarios. Carmen Fieiras dedícase á cestería desde fai vinte anos, conxugando a produción das súas coleccións de cestería de estilo actual e vivaz colorido, coa organización de cursos de cestería para todos os públicos. O seu socio Adolfo Domínguez tamén imparte formación, é prateiro e conta cunha ampla traxectoria profesional que evolucionou ata a creación de pezas contemporáneas nas que incorpora materiais nobres como a madeira, a lousa ou os coñecidos ollomaos.
- Armaior: celebra os Días Europeos da Artesanía abrindo as portas do seu taller a todos os interesados na tornería de madeira de oliveira. O taller atópase situado no lugar de Toca, Quiroga ao pé da serra do Caurel e en plena Ribeira Sacra na provincia de Lugo. Os seus responsables Pablo e Álvaro Rodríguez contan cunha ampla traxectoria profesional no sector da carpintería tradicional e o traballo con madeiras autóctonas, que derivou nos últimos anos na creación dunha liña de pezas utilitarias e decorativas de madeira de oliveira que polas súas características antibacterianas fana perfecta para o seu uso culinario. Fontes, morteiros, táboas, creadas de forma totalmente artesanal de formas suaves, torneadas coa sensibilidade e o respecto do que coñece os bosques máxicos e nutricios.
- Augatinta: celebra os Días Europeos da Artesanía abrindo as súas portas para todos aqueles interesados no mundo do gravado. Un centro integral dedicado á produción de elementos de papelería singulares como cartóns, invitacións, soportes para envíos personalizados, agasallo de empresa ou obsequio institucionais; onde ademais poderás formarte da man dos mellores especialistas en técnicas que van desde o máis tradicional (augaforte, punta seca, verniz brando, augatinta, xilografía e linóleo) pasando polo máis actual (fotogravado non tóxico e verniz acrílico)ata as técnicas máis novas, experimentais e interdisciplinares.
- ArxemilLuthería: súmase á celebración dos Días Europeos da Artesanía abrindo as portas do seu obradoiro a todos aqueles interesados no mundo da construción de violíns, violas, violoncelos e zanfonas. O taller atópase situado en pleno Camiño de Santiago, en Sarria, provincia de Lugo onde a influencia xacobea deixou pegada nesta localidade na que tradicionalmente proliferaron os construtores de instrumentos musicais. Xermán Arias é o herdeiro deste bo facer e coñece como ninguén as claves para un bo instrumento. Participou na reconstrución dos instrumentos do Pórtico da Gloria e fai soar a zanfona sempre que a ocasión mereza a pena, aínda que é no mundo da música clásica onde ten a maioría dos seus encargos.
- Estaleiros Fra: súmase á celebración dos Días Europeos da Artesanía abrindo as súas portas a todos aqueles que estean interesados en introducirse no mundo da navegación e a carpintería de ribeira. O estaleiro atópase situado na marxe dereita do río Cobo, no porto de San Ciprián, na provincia de Lugo. Conta cunha experiencia de máis de dous centos anos construíndo e reparando embarcacións de todo tipo: desde a chalana máis pequena ata un cargueiro de vinte e oito metros de eslora, pasando por todo tipo veleiros e embarcacións de pesca ou recreo. Francisco Fra é o último de 7 xeracións de carpinteiros de ribeira que constrúe, navega e fala coa paixón do que forma parte dun anaco da historia da Galicia mariñeira.
- Barro en Vivo: súmase á celebración dos Días Europeos da Artesanía abrindo as súas portas a todas aquelas persoas interesadas no mundo da cerámica artística como vehículo de crecemento integral no mundo educativo, tanto polas súas posibilidades de relación coa contorna, como polas súas prestacións no desenvolvemento afectivo, cognitivo, emocional, mellora de confianza e autoestima das persoas. Compaxinan o seu traballo de peza única de carácter escultórico e trazos hiperrealistas, coa produción de pequenas series de produtos decorativos feitos de forma totalmente artesanal, e a celebración de talleres e campamentos educativos en toda Galicia.
- Centro Oleiro Reitoral de Gundivós: Pola súa historia e características xeográficas Galicia é territorio onde proliferan os oficios tradicionais vinculados a sectores produtivos primarios. Un dos oficios máis ancestrais é a olería, esencialmente rural, que nos traslada nos seus produtos unha mensaxe étnica e de autenticidade, que a principios deste século tivo unha gran influencia na sociedade e economía de zonas como Gundivós, municipio de Sober en plena Ribeira Sacra, onde nos seus mellores tempos chegaron a traballar uns trinta oleiros. A olería máis ancestral de Galicia, quizais tamén a máis primitiva de España, tal vez houbese desaparecido xa se non fose por un mozo que se resistiu a seguir o mesmo camiño dos seus veciños e resolveu continuar coa tradición do seu bisavó. Con axuda da súa familia José Elías González comprou a casa reitoral, rehabilitouna e converteuna nun taller museo onde se recollen pezas históricas e elementos etnográficos da zona ao redor dun encantador espazo onde tornea os famosos xarros sobre o torno de man de orixe romana, para terminar afumando cada peza conforme manda a tradición.
- En Lá: súmase á celebración dos Días Europeos da Artesanía abrindo as portas do seu taller a todos aqueles interesados na elaboración do feltro, material ao redor do cal Pilar Rodríguez Gonda confecciona pezas únicas e totalmente personalizadas: broches, diademas, chapeus, bolsos, colares, panos, e vestidos cun estilo propio influenciado pola paisaxe da súa contorna. Na súa tenda taller tamén poderás atopar producións doutros artesáns dedicados á fabricación de complementos de moda dos sectores da xoiería, bixutería, marroquinería, elaboración de zocos e cestería.
- Estudio Estampa:é un estudo de deseño e serigrafía independente situado en Mondoñedo, provincia de Lugo. As súas novas propietarias Julieta e Lucía Vargas herdaron os coñecementos dos seus pais, serigrafistas cunha longa traxectoria artística e profesional, e ampliáronos cara aos campos do deseño gráfico e o deseño de moda. A súa especialidade é a creación de marca, ilustracións e produtos para pequenos ou grandes proxectos. Traballan por encargo creando conceptos visuais e impresións non convencionais sobre distintos soportes de téxtil e papel. Tamén deseñan as súas propias coleccións de fogar e complementos de moda que comercializan en feiras e eventos tanto de carácter local como internacional, compaxinando este labor produtivo coa organización de actividades educativas ao redor do seu oficio.
- Xosé Luís Latas Vilanova: máis coñecido en ambientes profesionais como Lis Latas, pertence a unha brillante xeración de artesáns nos que conflúen todos os saberes e técnicas tradicionais de construción coas máis avanzadas investigacións destinadas a mellorar o instrumento galego por excelencia: a gaita. Lis ocúpase escrupulosamente da selección de madeiras e o seu tratamento, concedendo especial atención aos distintos tempos de manipulación da madeira. Adapta e constrúe expresamente todo tipo de ferramentas de primeira calidade para a fabricación das súas gaitas, e traballa con perfección a afinación do instrumento, combinando as variables fundamentais que teñen incidencia directa na súa sonoridade. Todo para conseguir un instrumento selecto e profesional con timbre propio que combina o mellor da estética sonora antiga coa minuciosidade na afinación.
- Mi Madre no me deja: súmase á celebración dos Días Europeos da Artesanía abrindo as portas do seu obradoiro a todos aqueles interesados en coñecer o seu imaxinario: debuxos, ilustracións e esculturas transformadas en obxectos de uso cotián como vaixelas, cerámica e téxtiles de todo tipo. Traballan a serigrafía artesanal de forma directa no téxtil e indirecta sobre cerámica, técnica e material que permítelles enlazar o mundo da arte e a artesanía de forma armoniosa e complementaria.
- Oscar Rodríguez Joyeros:Cunha traxectoria profesional de máis de trinta anos Óscar Rodríguez dirixe un dos máis prestixiosos talleres de xoiería de España, especializado na creación de pezas únicas, exclusivas e de gran calidade das que non se fan moldes e cuxa comercialización se canaliza a través de exposicións e feiras de carácter profesional. Traballa con todo tipo de metais, perlas e pedras preciosas, aínda que o seu traballo máis internacional é o coñecido como “tesouros do mar e a terra”, onde incorpora cunchas e madeiras seleccionadas que manipula con maxistral destreza e precisión ata obter verdadeiras obras de arte. O seu taller emprázase no casco antigo de Viveiro, nun edificio rehabilitado para albergar tres zonas: a de preparación do material, a zona de traballo onde se monta, se engasta e se pule, e a zona de deseño e organización.
- Pátina:súmase á celebración dos Días Europeos da Artesanía abrindo as súas portas aos apaixonados do mundo da restauración de mobiliario. Un taller onde non se arranxan mobles senón que se restauran para devolverlles a súa funcionalidade na medida do posible e onde sobre todo respéctase a súa esencia e integridade. O seu responsable, José Luis Estar non repara en dedicar o esforzo e tempo necesarios para investigar sobre a historia de cada peza, conseguir os elementos accesorios adecuados e conservar a pegada da experiencia que outorga a cada moble unha singular beleza e valor engadido.
- Quercur:súmase á celebración dos Días Europeos da Artesanía abrindo as portas do seu taller a todos aqueles coleccionistas ou curiosos interesados no mundo das fundas para coitelos, navallas e armas históricas, armaduras e corazas de coiro, complementos para motociclistas custom, complementos para home fortemente inspirados na tradición vaqueira americana e artigos para actividades ao aire libre inspirados nos aventureiros e tramperos do século XIX. Achégate a descubrir o agarimo e a paixón coa que José Ramón Melchor afronta cada paso do seu traballo: deseño, repuxado, policromado, mateado, cosido todo con calma, ata obter unha peza ruda, cálida e elegante que perdurará no tempo.
- Regal Cerámica:súmase á celebración dos Días Europeos da Artesanía abrindo as súas portas a todas aquelas persoas interesadas nunha cerámica de marcado carácter diferencial. Os seus talleres atópanse no complexo cultural e museístico Regal Xunqueira, en Viveiro. Están especializados no traballo con gres porcelánico cocido a 1.330º e as súas pezas distínguense polo seu deseño, creatividade, innovación e orixinalidade. Ademais levan máis de 30 anos presentes no mercado da artesanía e tendas de agasallo.
- Traxandaina: celebra os Días Europeos da Artesanía abrindo as portas do seu taller a todos aqueles interesados na investigación e reprodución de pezas antigas de indumentaria tradicional. Nos seus teares dan vida a vellos picotes, gorullos e levantados, aos que dan a cor e a textura de outrora para confeccionalos con técnicas que reproducen fielmente o espírito e saber facer dos seus antepasados.
Días Europeos da Artesanía
Os Días Europeos da Artesanía é unha iniciativa de proxección internacional que tivo a súa orixe nos Journées des Métiersd´Art que se celebran en Francia dende o ano 2002 e en varios países da Unión Europea. En España os Días Europeos da Artesanía están promovidos pola Escola de Organización Industrial EOI e pola súa cátedra de promoción da artesanía, Fundesarte, entidade pública sen ánimo de lucro adscrita ao Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo cuxo principal obxectivo é a mellora da competitividade das empresas artesanais e a súa promoción dentro e fora das nosas fronteiras.
OsDías Europeos da Artesanía achegan ao público a singularidade da artesanía e os seus oficios, a súa evolución, o uso de novos materiais así como a implicación das novas tecnoloxías coas técnicas tradicionais. Artesáns, Escolas de Artes Aplicadas, Museos, Asociacións Artesanais e Corporacións Locais, súmanse a este proxecto para mostrar aos cidadáns o patrimonio e a creatividade da man dos oficios artesáns, mediante unha oferta de actividades para tódolos públicos.