O Concello abriu o prazo de inscrición para participar no XV Mercado do Nadal, que terá lugar en Ribadeo do 6 ao 9 de decembro. Este evento “quere ser un espazo de oportunidades para os profesionais relacionados coa artesanía e o deseño, plataforma onde se visualice o seu traballo e talento creativo e innovador”, sinalan desde a Concellaría de Desenvolvemento Local.
E subliñan que “no Mercado do Nadal poderán participar artesáns con capacidade para exhibir e vender pezas que sexan producidas de forma artesanal e sexan de autoría propia, tamén produtos de gastronomía artesanal e creadores, artistas pola súa vertente de creatividade e deseño: artistas plásticos, gráficos, dixitais, xoguetes, moda, etc… que teñan capacidade para exhibir e vender pezas suficientes e que a creación sexa de autoría propia e a distribución sexa a pequena escala”.
Os stands serán casetas independentes que estarán localizadas na rúa San Francisco e no bulevar do parque contiguo a esta rúa. O Concello establece un prezo de 150 euros pola participación de cada solicitante e caseta.
O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 19 de outubro e a solicitude correspondente deberá ser entregada ben polo rexistro de entrada do Concello de Ribadeo, pola sede electrónica, por correo certificado ou calquera outro medio recollido no artigo 38 da Lei 30/1992. Os documentos que deberán achegar son: unha memoria descritiva da actividade e 3 fotografías da obra e stand; copia do DNI ou CIF; copia da última cota pagada do réxime de autónomos ou correspondente; certificado de epígrafes do IAE; carta de artesán, de selo caso; rexistro sanitario, en caso de que sexa necesario para exercer a actividade; e declaración xurada e asinada, que acredite que os produtos cos que participará no Mercado do Nadal responden a unha elaboración artesanal de autoría propia, acorde á memoria presentada ou que son produtos de creación/deseño propio.