A asociación Fervenza de Sargadelos organiza varias actividades para celebrar o Samaín este domingo, día 31 de outubro. Desenvolveranse na sala de exposicións do complexo histórico-artístico de Sargadelos, no municipio de Cervo.
O programa de actividades comeza ás 17:30 horas coa apertura de portas. Media hora despois haberá o obradoiro Crea o teu teatriño, con prazas limitadas e as inscricións poden facerse ata o 29 de outubro en fervenzadesargadelos@gmail.com. As crianzas menores de 7 anos deberán estar acompañadas, obrigatoriamente, por unha persoa adulta.
Para as 19:30 horas está programado o contacontos Xogando con sombras e media hora despois haberá chocolatada na Sacabeira. Ás 20:30 horas terá lugar a Estantiga das ánimas, que é un desfile polas ruínas da antiga fábrica de Sargadelos. E rematarán as actividades ás 21 horas cun concurso de cabazas, no que os premios son un lote de produtos A Morena e unha entrada para Marcelle Natureza.