Argadelo, as voltas da música ao teatro volveu hai uns días na Escola das Anzas. Este obradoiro, enmarcado no ciclo Cultura nas Parroquias, chegará esta tempada tamén a Vilaselán.
A concelleira de Cultura, Pilar Otero, lembrou que “Argadelo comezou a súa andaina o pasado mes de maio. Trátase dun proxecto do Concello de Ribadeo en colaboración co músico e actor focego Manolo Vázquez, Mano Panforreteiro”.
Otero Cabarcos dixo que “Argadelo non é só música, teatro ou acción. É un xeito de xuntar persoas de todas as idades arredor dunha idea común, comunitaria, de verse unha vez por semana e crear cultura tendo como espazo a aldea. Comezamos en maio nas Anzas, un lugar dos máis dinámicos de Ribadeo, onde logramos reunir a unha quincena de persoas arredor de Argadelo. Descansamos en agosto e volvemos con máis folgos o pasado 5 de setembro”. Na Escola das Anzas é todos os luns entre as 19:30 e as 21:00 horas.
A edil ribadense subliñou que “como xa adiantamos no seu día o noso obxectivo era espallar o Argadelo a outras parroquias de Ribadeo. E así o vindeiro 3 de outubro este obradoiro chegará á Escola de Vilaselán todos os luns de 17:00 a 18:30 horas”.
O Concello cos Coles
Outro ciclo que volve en setembro é O Concello cos Coles, organizado en colaboración coa Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e co programa Ler Conta Moito da Consellería de Cultura ao que se acolle a Biblioteca Municipal El Viejo Pancho. As primeiras citas terán lugar do 27 ao 29 de setembro.
Pilar Otero contou que “achegaremos un ano máis o teatro aos coles de Ribadeo. Para o alumnado de 1º e 2º de Primaria o 27 de setembro contaremos con Volven os ratos de lonxe de todo!; o 28 para a rapazada de 3º e 4º de Primaria teremos Lúa; e o 29 de setembro o alumnado de 5º e 6º de Primaria gozará de Historias fabulosas, dous magos e outras cousas”.
O Concello cos Coles é unha liña de actuación municipal pola que desde diferentes áreas do Concello (Igualdade, Cultura, Turismo e Desenvolvemento Local, Medio Ambiente, Xuventude e Deporte) se lle fan propostas aos centros de ensino. A programación, que busca enriquecer e diversificar o currículo, é para todos os niveis educativos e desenvólvese durante todo o curso escolar.