A segunda edición da campaña das Panchas, a moeda local ribadense, amplíase ata o vindeiro 5 de xaneiro. Así se aprobou no pleno celebrado onte, co obxectivo de beneficiar ao sector comercial e hostaleiro, que se están a ver moi afectados pola pandemia do covid-19. A partires do 1 de decembro poñeranse en circulación outros 2.000 novos packs de panchas, cunha estimación de volume de negocio de 80.000 euros, que se suman aos 150.000€ da primeira parte da campaña, que a piques está de rematar.
O concelleiro de Desenvolvemento Local e Comercio, Pablo Vizoso, dixo que “nun dos puntos presentados polo equipo de goberno no pleno celebrado onte propuxemos e aprobamos a ampliación e a modificación da campaña das panchas, a nosa moeda local, para que se poida seguir desfrutando pola poboación e beneficiando aos establecementos comerciais máis alá do 1 de decembro, concretamente amplíase ata o 5 de xaneiro de 2021, cubrindo así a totalidade da época do Nadal”.
O edil ribadense subliñou que “esta ampliación está motivada principalmente para beneficiar ao sector comercial e hostaleiro de Ribadeo, que se está vendo afectado pola situación sanitaria e de restricións actual, e tamén para estimular o consumo e as compras por parte de toda a veciñanza e dese xeito seguir apostando por un Ribadeo activo, e todo un referente na comarca do comercio de proximidade, diverso e de calidade, e da nosa significada hostalería”.
Vizoso Galdo indicou que “para abordar esta ampliación facemos unha inversión económica de máis de 20.000 euros, procedentes na súa totalidade de fondos propios do Concello, o que supón poñer en circulación dous mil novos packs de panchas e unha estimación de volume de negocio no comercio de Ribadeo dun mínimo de 80.000 euros máis, que hai que sumar aos 150.000 euros que se estima que xeraría a campaña inicialmente prevista”.
E engadiu que “para facer esta campaña aínda máis atractiva, decidimos tamén suprimir o límite actual de compra de tres packs por persoa e así, a partires do próximo 1 de decembro calquera persoa maior de idade poderá adquirir os packs que necesite sen ter en conta esa limitación. Quero aproveitar para agradecer a colaboración que ACISA e ABanca están prestando para o desenvolvemento desta campaña e animo ao todos os veciños e veciñas de Ribadeo e dos concellos da nosa comarca a seguir comprando en clave local, e dando valor aos nosos sectores identificativos como unha vila activa, dinámica e aberta”.