O venres, 11 de xuño, ás 20:00 horas terá lugar no Auditorio Municipal Pascual Veiga, de Mondoñedo, o espectáculo de Carmen Conde “A Aldea das Mulleres” presentado por Tarabela Creativa.
A “Aldea das Mulleres” é o novo espectáculo de Carmen Conde, que transcorre ao tempo que debulla fabas. Mentres ela vai debagando historias, con ese poder simbólico que ten "buscarse os feixóns", constrúe a aldea das mulleres con relatos das súas habitantes, que rexen o seu destino, teñen as súas leis, viven emancipadas e tallan en pedra ornamentada os seus nomes para a Historia. E, como fío condutor, unha legume chea de supersticións, maldita, cargada de ánimas, empregada para a xustiza, como afrodisíaco e como único alimento para roer en tempos da fame. Fabas e mulleres nunha sesión-aldea que acubilla liberdades, rompe silencios e achega ao público historias apañadas da horta da realidade.
O espectáculo está organizado pola Anpa Amolou do IES Plurilingüe San Rosendo. Este acto conta coa colaboración da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo e do Concello de Mondoñedo.
Recomendación de idade: a partir de 13 anos.
A actividade realizarase contemplando as mediadas anti-Covid 19 vixentes. Reserva de entradas en Oficina de Turismo de Mondoñedo – telf. 982 50 71 77