A Agrupación Cultural Francisco Lanza organiza unha exposición sobre biodiversidade en Ribadeo, desde o luns 18 ata o domingo 31 de xullo, na Oficina de Turismo, en horario de apertura de dita oficina. Trátase dunha proxección elaborada pola nosa compañeira de directiva, Belén Pérez Teijo, que así mesmo é membro da plataforma de Ciencia Cidadá “Asociación Fotografía y Diversidad”. A través deste material poderemos contemplar unha mostra da gran variedade de bichiños e bolboretas cos que compartimos hábitat en Ribadeo.
O traballo de campo que está a realizar Belén Pérez Teijo concrétase nun seguimento e rexistro de poboación de bolboretas en dous percorridos específicos en Ribadeo. Trátase de facer un seguimento específico ao longo do tempo, tomando nota das variacións que se poidan dar.
Belén Pérez Teijo quere animar a todas as persoas amantes da bioloxía a tomar conciencia da importancia da colaboración cidadá coas sociedades científicas para, entre todos e todas, axudarmos a manter o noso patrimonio ecolóxico. Canto máis coñezamos a nosa biodiversidade máis conciencia tomaremos da súa riqueza e da súa necesaria conservación. Podemos comezar a enriquecer esa conciencia ecolóxica gozando desta excelente exposición na Oficina de Turismo de Ribadeo desde o luns 18 de xullo ata o domingo 31 do mesmo mes, en horario de oficina, todos os días da semana.