As actividades do VI Festival de Jazz e Blues de Ribadeo comezan o 4 de decembro coa inauguración da exposición fotográfica de Cris Andina.

As actividades da sexta edición do VI Festival de Jazz e Blues de Ribadeo comezarán mañá, venres, coa inauguración da exposición fotográfica de Cris Andina, ribadense especialista en fotografar artistas de teatro e músicos. O acto será ás 19:00 horas e ademais da propia Cris Andina intervirá a concelleira de Cultura, Pilar Otero.

Este domingo, día 6, terá lugar o primeiro concerto do festival, a cargo do grupo Travellin´ Brothers, banda bilbaína considerada unha das mellores de Europa. Nos seus 15 anos de historia leva gravados 8 discos e máis de 1.000 concertos en xiras nacionais, europeas e en USA.

O martes 8 actuará Sumrrá, que é o trío máis representativo do jazz galego contemporáneo, leva case vinte anos nos máis variados escenarios do mundo enteiro e conta con seis discos no mercado.

E o sábado 12 pechará os concertos do festival ribadense o andaluz Zenet, polifacético artista que foi premio da música ao artista revelación en 2009 e posteriormente logrou varias distincións máis. O seu novo disco, La Guapería, é de versións de boleros cubanos antigos e na semana da súa saída ao mercado entrou no top 10 dos discos máis vendidos en España e acadou o número 7 nas listas.

Os tres concertos serán no auditorio municipal Hernán Naval ás 20:00 horas con entradas numeradas gardando as distancias de seguridade, aforo reducido a 100 persoas para cada unha das actuacións e demais medidas contra o Covid 19.

O prezo das entradas para estes concertos é de 10 euros, 8 euros e 16 euros respectivamente, que son moi inferiores aos que se pagan nas actuacións destes artistas noutros lugares. Están á venda en www.ataquilla.com.