As actividades do Entroido en Ribadeo desenvolveranse desde o 18 de febreiro ata o 4 de marzo.
Os días 18 e 19 de febreiro, sábado e domingo, celebrarase a Festa do Freixó. Nas dúas xornadas a partir das 12 do mediodía haberá degustación de freixós no Teatro. O sábado 25 celebrarase a Gala do Entroido no Teatro a partir das 21 horas cun pregón a cargo do Grupo de Teatro de Ribadeo. O domingo 26 ás 12 do mediodía sairá a Comparsa do Cocho e pola tarde haberá dous bailes, un infantil e o outro xuvenil.
O gran desfile do Entroido na vila ribadense celebrarase o martes día 28 de febreiro a partir das 17 horas. Sairá da avenida Rosalía de Castro e rematará diante da Casa do Concello. Haberá premios en metálico para adultos e premios infantís en vales de compra para utilizar nos establecementos asociados a ACISA Ribadeo. En total repartiranse máis de 5.000 euros en premios.
E os actos rematarán o sábado 4 de marzo coa Queima do Entroido, que terá lugar na avenida Rosalía de Castro. A comitiva fúnebre sairá ás 21 horas do parque de San Francisco.