Acisa Ribadeo sorteará 45 botellas de viño magnum Azpilicueta crianza nos locais hostaleiros asociados. Este é o broche de ouro da súa campaña de San Valentín.
Desde Acisa o xerente, Jesús Pérez, explica que “aquelas persoas que fagan consumicións por importes superiores a 10 euros entre o 13 e o 17 de febreiro poderán cubrir unha casiña nas cartulinas que atoparán nos locais hostaleiros asociados. É moi sinxelo elixen un número do 0 ao 99 e poñen nesa casiña o seu nome e o seu teléfono. E logo teñen que estar atentas e atentos ao sorteo da Lotería Nacional do sábado 18 de febreiro. Gañará a botella de magnum a casiña cuxos números coincidan coas dúas últimas cifras do primeiro premio do devandito sorteo da Lotería Nacional”.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, sinala que “son 45 botellas as que se poñen en xogo. Iso quere dicir que haberá 45 premiadas e premiados, que poderán consumir a súa botella de viño magnum Azpilicueta crianza no propio local hostaleiro no que resulten premiados”.
Pérez Prada anima “a ribadenses e visitantes a participar na campaña de San Valentín na hostalería ribadense, onde tamén moitos dos nosos asociados e asociadas ofrecerán menús especiais ao longo destes días. Neste 2023 quixemos programar cousas diferentes. A este Namórate cun bo viño, que se desenvolverá a vindeira semana, únese a presenza da Tuna do Camiño, que esta tarde noite amenizará as rúas de Ribadeo, e tamén a campaña que deu comezo no comercio o pasado 3 de febreiro e que se prolongará ata o día 13. Lembramos que o 14 faremos o sorteo de 11 ceas para dúas persoas cada unha e dunha estancia de dúas noites para unha parella a elixir entre 1.500 destinos”.
Cruzado Iglesias engade: “queremos agradecerlle a Pernod-Ricard esta colaboración para poder levar adiante a campaña Namórate cun bo viño. Agardamos que sexa o inicio dunha relación que nos permita organizar máis iniciativas que contribúan á dinamización da hostalería de Ribadeo. Grazas tamén aos restaurantes que nos regalan as ceas que imos sortear o vindeiro martes, grazas a Viaxes Eroski e á Xunta de Galicia, que colabora con Acisa nesta campaña de San Valentín de 2023”.
A presidenta, o secretario e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado, Felipe Fernández e Jesús Pérez, presentaron Namórate cun bo viño xunto a Juan José Hernández Porto, delegado de Pernod-Ricard.