Acisa Ribadeo pon a disposición dos seus asociados e asociadas novos materiais gratuítos para a hostalería. Trátase de bolsas e tamén de envases de comida para levar, que por primeira vez a asociación pon a disposición dos restaurantes e mesóns.
Segundo explica Carmen Cruzado, presidenta da patronal ribadense, “Acisa pon novos materiais gratuítos a disposición dos seus socios e socias. Nesta ocasión trátase de bolsas para as botellas de viños, bolsas e envases de comida para levar e de vasos térmicos para cafés ou infusións. Desde Acisa quixemos facer un esforzo especial para poder axudarlle á hostalería pensando na campaña de Nadal e no vindeiro ano e facémolo tentando aforrarlles custes. Por este motivo lles entregamos dous modelos de bolsas e por primeira vez recibirán tamén envases de comida para levar e vasos térmicos. Son materiais moi empregados especialmente nas datas que se aveciñan, pero tamén ao longo de todo o ano, por iso queremos poñelos á súa disposición nestas datas”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, subliña que “estamos a falar de 3.000 bolsas para botellas de viño, de 5.000 bolsas de comida para levar, de 20.000 envases de comida para levar en dous tamaños: 1.400 cl e 1.900 cl en aluminio e que se poden empregar no microondas, e 8.000 vasos térmicos para café ou infusións. Aqueles establecementos hostaleiros que xa solicitaron previamente estes materiais poden pasar a recollelos pola oficina de Acisa desde o vindeiro 14 de novembro de 9:30 a 14:30 horas de luns a venres e luns e xoves tamén pola tarde de 15:30 a 16:30 horas”.
E engade: “o investimento realizado supera os 8.000 euros. Facemos un esforzo moi importante desde Acisa para dotar aos nosos asociados deste material de xeito totalmente gratuíto, coa novidade que representan os envases de comida para levar e os vasos para cafés. Isto é posible grazas á colaboración do Concello de Ribadeo, ao que lle agradecemos o seu apoio, porque senón non sería posible”.
Carmen Cruzado sinala que “tal e como anunciamos hai unhas semanas estes son meses de traballo intenso en Acisa. Estamos con moitas accións en marcha. Este material, que lle imos entregar á hostalería, é unha das varias novidades que nas vindeiras semanas iremos desvelando”.
A presidenta e o xerente de Acisa presentaron todo este material na compañía do concelleiro de Comercio e Turismo de Ribadeo, Pablo Vizoso, que manifestou: “traballando entre todos, Concello e Acisa, podemos ir facendo cousas polo tecido empresarial ribadense. Agora foi esta acción, esta entrega de materiais, e no futuro seguiremos colaborando para que o comercio, a hostalería e o sector servizos de Ribadeo sigan a ser un referente en toda a contorna. Os tempos que nos toca vivir son complicados, pero entre todas e todos imos tentar levalos o mellor posible”.