A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos (ACISA) de Ribadeo pide responsabilidade fronte ao coronavirus aos veciños e veciñas e tamén ás persoas que nos visitan para evitar contaxios que poderían ocasionar un novo confinamento.
O presidente de ACISA Ribadeo, Francisco Iriarte, considera que “é imprescindible que todos os veciños e veciñas do municipio así como as persoas que nos visitan actúen con moita responsabilidade fronte ao Covid-19 para evitar contaxios que poderían ocasionar un novo confinamento, o que causaría importantes danos”.
Francisco Iriarte engade: “facemos un chamamento á responsabilidade de todos e solicitamos a colaboración dos responsables dos diferentes establecementos, tanto comerciais coma hostaleiros, para que eviten aglomeracións de xente. E aos clientes pedímoslles que manteñan sempre as distancias de seguridade e que sigan as recomendacións dos locais en canto ás medidas hixiénicas e o uso de mascarillas. Hai que poñer todos os medios para evitar contaxios porque senón corremos o risco de volver a unha fase anterior, como está sucedendo noutros lugares, o que tería consecuencias gravísimas para Ribadeo”.
O presidente de ACISA sinala que “despois de 3 meses de estado de alarma, de semanas moi duras de confinamento total, de ter pechados os locais hostaleiros e tamén os comercios, non podemos permitirnos unha volta atrás. Iso ocasionaranos uns danos irreparables tanto para a imaxe de Ribadeo, da súa hostalería e do seu comercio, como para a economía local. Perdemos a Semana Santa, as pontes festivas, a campaña de primavera, intentemos entre todas e todos salvar o verán e gozar da gastronomía, da paisaxe, do paseo polas nosas rúas, das terrazas… pero fagámolo con sentidiño. O Covid-19 levou por diante moitas vidas e moitos postos de traballo, sexamos responsables para que isto non volva ocorrer. Está nas nosas mans”.
ACISA enviou hoxe un comunicado aos seus asociados e asociadas facendo un chamamento á responsabilidade e ao cumprimento das normas nos seus negocios. A asociación repartirá novos elementos informativos nos vindeiros días “co obxectivo que non baixemos a garda”.