Acisa Ribadeo lanza unha nova campaña de captación de socios, que se prolongará ao longo das vindeiras semanas. O colectivo empresarial sumou 12 novos asociad@s nos últimos meses e conta con máis de 150 negocios adheridos.
Nos últimos meses decidiron darse de alta e formar parte da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo negocios como Vitaldent, Rotugraf, Eomática, Emerxe Solucións Enerxéticas, Lema, Ágora, La Galletería, Antiques Real Estate, Bimba 13 e Telepizza, e autónomos como Susana Álvarez ou Beni Mántaras.
Desde Acisa a súa presidenta, Carmen Cruzado, dixo: “gustaríame en nome da nosa directiva darlles a todas e todos publicamente a benvida á nosa asociación e aproveito tamén para animar aos negocios de Ribadeo: comerciantes, hostaleiros, industriais, servizos e autónomos, hoteis, etc, a que nos chamen para que os visitemos ou para que se acheguen ás nosas instalacións e lles expliquemos cara a cara todas as vantaxes que supón formar parte de Acisa. Aquí traballamos para dinamizar e potenciar a actividade económica de Ribadeo e para que iso repercuta no tecido empresarial”.
O xerente, Jesús Pérez, insistiu en que “en Acisa atoparán todo tipo de asesoramento sobre subvencións, axudas, programas específicos ou cambios normativos. Os asociados e asociadas contan con materiais gratuítos para os seus negocios como poden ser bolsas para o comercio e para a hostalería, envases de comida para levar, vasos térmicos, cartelería oficial, etc… así como todo o material das múltiples e variadas campañas que organizamos ao longo de todo o ano. Ademais temos asinados varios convenios de colaboración beneficiosos para todos os nosos asociados, que tamén lles axudarán a aforrar custes”.
Ao longo das vindeiras semanas representantes de Acisa achegaranse polos negocios de Ribadeo para informalos sobre as vantaxes que supón que entren a formar parte da asociación, que conta con 34 anos de vida. Pérez Prada sinalou que “calquera empresa interesada en obter máis información pode dirixirse á nosa oficina de luns a xoves de 9:30 a 14:30 e de 15:30 a 17:30 horas e os venres de 9:30 a 14:30 horas ou chamando por teléfono ao 663 39 62 26”.
Cruzado Iglesias engadiu: “estamos agora mesmo traballando nas campañas que se desenvolverán ao longo dos vindeiros meses, como as do día do pai e da nai, pero haberá novidades de aquí ao verán co reparto de moitos premios entre a clientela dos negocios locais. Tamén contaremos con novidades para os hoteis coas vistas postas na Semana Santa, tempada para a que tamén faremos promoción turística de Ribadeo. Cantos máis visitantes recibamos ao longo do ano mellores repercusións terán eses movementos na economía local. De aí que cada vez nos centremos máis na preparación de campañas que vaian desde setembro ata a primavera”.
O xerente engadiu que “buscamos novas formas de promoción para as nosas socias e socios, dándolles a oportunidade de ofertar convenios para o noso colectivo, e realizaremos campañas atractivas con novos formatos e con múltiples premios para seguir a fidelizar á clientela”.
Descontos no combustible
Desde a directiva de Acisa lembran que “ata o 31 de marzo segue a campaña que puxemos en marcha a finais de xaneiro con Gasóleos Abelleira, que supón un desconto de 0,10 euros/litro de combustible. Distribuíronse 50.000 tarxetas entre os negocios asociados a Acisa para que estes as repartan entre a súa clientela por gastos ou consumicións superiores aos 5 euros. Esta campaña será de aplicación unicamente na estación de servizo que se atopa situada no polígono industrial. Este desconto non é compatible con outras promocións de Gasóleos Abelleira”.
E engaden desde a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo: “esta é a terceira edición desta campaña con Gasóleos Abelleira, ao que lle agradecemos a súa disposición. É unha iniciativa que funciona e que ten moi boa acollida”.