Acisa Ribadeo procedeu ao acendido da súa árbore de Nadal, instalada na praciña de San Roque, esta tarde. No acto participaron o presidente e o xerente da asociación, Francisco Iriarte e Jesús Pérez, xunto a outros membros da directiva.
A árbore de Acisa ten máis de 1.000 metros de luces leds, 10 metros de altura e 5 de diámetro. Ademais está decorado no seu frontal polos logotipos dos establecementos asociados, “nun xeito de facer publicidade aos socios de forma directa nun lugar que será de paso para moitas persoas”.
O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, fixo un chamamento “a todos os socios e non asociados a que decoren os seus escaparates, tenda e bares, posto que o Nadal é unha época alegre e de celebración de modo que sempre chama máis a atención un pobo e os seus comercios decorados. Ademais neste Nadal tamén contaremos cun Papá Noel no Cine Teatro o día 23 de decembro de 12:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 19:00 horas, para que os máis pequenos poidan ir velo e sacarse fotografías con el. Do mesmo xeito tamén teremos un carteiro real no Cine Teatro os días 3 e 4 de xaneiro de 12:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 19:00 horas onde as nenas e os nenos poderán ir levar as súas cartas para os Reis Magos, e haberá un concurso infantil de cartas ás súas maxestades de Oriente”.
Pola súa banda o xerente de Acisa, Jesús Pérez, salientou que “como novidade Acisa repartirá entre os asociados que así o soliciten unha nova edición de bolsas gratuítas. Como na anterior ocasión trátase de tres tamaños e cun modelo máis sinxelo. E serán máis de 15.000 as que se repartirán entre os socios que o desexen”.
Iriarte tivo palabras de agradecemento para o Concello de Ribadeo “pola súa colaboración na colocación do noso árbore de Nadal” e para a Xunta de Galicia “pola súa implicación para que poidamos ter unha nova edición de bolsas para este Nadal e de cara ás rebaixas. Cremos que estas iniciativas son boas para a asociación, para a vila e para os nosos asociados e asociadas, e confiamos en poder crecer en número de socios grazas a elas, que a xente vexa a implicación que supón para nós poñer unha pisca de decoración máis nas rúas, darlles bolsas gratuítas, as ampliacións horarias na hostalería, etc… En Acisa traballamos polos nosos socios e socias e polo noso pobo”.
Jesús Pérez lembrou que “nesta campaña tamén está en marcha a VIII Festa do Comercio. Imos repartir 5.000 euros en vales de compra para gastar nos locais asociados a Acisa. Hai varios premios presenciais. O de maior contía está dotado con 2.000 euros e ademais teremos un premio non presencial de 1.000 euros. Animamos a todo o mundo a que colla as rifas que atoparán no comercio, na hostalería e nos servizos aínda que non vaian ir ao sorteo, porque un importante premio pode ser seu”.
Acisa Ribadeo convoca o concurso Queridos Reis Magos no que poderán participar todos os nenos e nenas con idades de 0 ata 12 anos. Cada participante deberá entregar o seu debuxo ou carta orixinal realizado con calquera material ou técnica. O debuxo presentarase nunha folla de papel de tamaño A4 o DIN A3. Os traballos terán que ser entregados no buzón do carteiro real que estará os días 3 e 4 de xaneiro na entrada do Cine Teatro. Para identificar os traballos terán que levar escrito o nome do concurso, o título da obra, o nome e apelidos do concursante, a idade e o teléfono de contacto.
Establécense dous premios e o fallo do xurado darse a coñecer o día 12 de xaneiro na VIII Festa do Comercio. Os traballos presentados pasarán a ser propiedade de Acisa Ribadeo, quen os utilizará para a súa exposición u outros fins que considere convenientes na promoción de actividades comerciais e culturais.