Acisa Ribadeo repartirá 20.000 vasos do Ribadeo Indiano entre todos @s seus asociad@s. Trátase de recipientes de plástico serigrafiados, 100% reciclables e biodegradables.
Acisa, como coorganizador da V edición do Ribadeo Indiano, vólcase de xeito especial nun evento que cada ano se fai máis importante para o comercio e a hostalería ribadense, e que xera unha actividade económica inigualable.
O presidente de Aciasa, Francisco Iriarte, dixo que “entre as actividades que se realizan no marco da coorganización desta festa, Acisa colabora da mellor maneira posible proporcionando música, actividades, decoración, e moitos dos aspectos que implican organizar un festexo deste tipo, pero sempre é un traballo que se fai conxuntamente co Concello de Ribadeo, coordinándonos minuto a minuto e detalle a detalle”.
Iriarte considera que “se podería dicir que este xa non é un evento nin do Concello nin de Aciasa, senón do conxunto de Ribadeo, nosoutros como entidades organizadoras só poñemos o necesario para que saia adiante, moito traballo e esforzo que se ve recompensado. Dentro dese traballo a nosa asociación fai unha dobre labor, en primeiro lugar, e esencial, a coorganización do evento, e por outro lado as iniciativas propias para os nosos asociados”.
O responsable de Acisa Ribadeo subliñou que “tamén nos volcamos de forma directa cos nosos soci@s, e como en anos pasados se lles entregará gratuitamente a decoración de indianos para que poida decorar escaparates, terrazas, comedores, tendas, etc… Ademais tamén se lles entregará outro material complementario que non sendo directamente para a festa, seralles de utilidade”.
Francisco Iriarte manifestou que “Acisa e o Concello xa se puxeron en contacto con hostaleiros e comerciantes para animalos a ambientar os seus negocios coa temática indiana, e como todos os anos coñecer, no caso dos hostaleiros, a temática que usarán nesta edición para decorar e que menús, tapas e ofertas van realizar. A ficha con esa información deben remitila ben á Oficina de Turismo ou a Acisa Ribadeo antes do 15 de xuño”.
O presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos asegurou que “a novidade este ano do reparto de 20.000 vasos de plástico irrompible de 600 cc, nace do compromiso da asociación cos nosos socios e socias, neste caso co sector da hostalería, xa que queremos que todos os asociados e asociadas poidan repartir entre os seus clientes un recordo do Ribadeo Indiano. Somos conscientes ademais de que ese fin de semana os hostaleiros sofren unha perda de vasos de cristal considerable, polo que nosoutros poñemos á súa disposición un xeito de evitalo, ademais de traballar no compromiso de manter unhas rúas limpas, e para evitar cortes ou accidentes por vasos ou botellas rotas. Estes 20.000 vasos poñeranse a disposición dos nosos asociados na última semana de xuño para que Ribadeo se vaia impregnando do ambiente festivo de indianos”.
Francisco Iriarte declarou que “con esta iniciativa, xunto coas que xa se presentaron e se presentarán, o noso obxectivo é, por unha banda, reducir custes aos socios/as entregándolles material de forma gratuíta, por outra facer máis grande se cabe o evento do Ribadeo Indiano, traballar na concienciación da reciclaxe e da limpeza das rúas, que a lo menos sendo socio/a de ACISA terán material a súa disposición para evitar na medida do posible que haxa cristais rotos polas nosas rúas, e por suposto seguir medrando como asociación”.
O presidente de Acisa fixo fincapé en que “cantos máis sexamos, canto máis grande sexa Acisa, máis e mellores iniciativas e actividades poderemos realizar para buscar o beneficio dos nosos asociados e asociadas, e converter a Ribadeo nun referente comercial e turístico maior do que xa é hoxe en día”.
Na presentación dos vasos indianos, que tivo lugar nas instalacións de Acisa Ribadeo, participaron o presidente e o xerente, Francisco Iriarte e Jesús Pérez, así como os directivos Roberto Rivas e Carmen Cruzado.