A xunta directiva de Acisa ultima os detalles das campañas que se desenvolverán en Ribadeo ata finais de ano. Do 2 ao 4 de novembro terá lugar unha nova edición das xornadas gastronómicas Asturias en Ribadeo e do 22 ao 25 dese mes celebrarase o Black Friday.
Na reunión mantida esta semana pola xunta directiva de Acisa acordouse continuar cun traballo intenso para tentar que o peche do ano sexa positivo e fíxose balance da repercusión que o turismo tivo para o comercio e a hostalería ribadense: “aínda que o mes de xullo foi bastante frouxo con respecto a anos anteriores, agosto cumpriu coas expectativas que nos realizamos, sobre todo para os hoteis e restaurantes da nosa vila. Setembro tamén estivo ben, pero debemos traballar para mellorar o impacto turístico no comercio e nos bares. É certo que puidemos ver as rúas de Ribadeo ateigadas de xente durante as fins de semana dese mes e con moi bo ambiente os días laborables, pero temos que seguir loitando para que setembro sexa un mes importante para todos os nosos asociados e asociadas”. E subliñan que “agora toca traballar porque temos por diante un longo outono inverno, pero desde Acisa temos programadas xa varias actividades ata mediados de xaneiro”.
En outubro o día 13 terá lugar o sorteo da FCAM no parque de San Francisco, no que se porán en xogo 1.500 euros en vales de compra para gastar nos establecementos asociados a Acisa.
Do 2 ao 4 de novembro chegará unha nova edición das xornadas gastronómicas Asturias en Ribadeo “co fin de potenciar a hostalería e tamén ao comercio, nunha ponte que soe traer moitos visitantes a Ribadeo. Trátase tamén de render homenaxe á veciña Asturias, xa que centos de persoas se desprazan as fins de semana ata Ribadeo para facer as súas compras, para pasear e tomar os viños e xantar na nosa vila”. Durante esas datas haberá actuacións musicais para animar as xornadas gastronómicas en varios puntos de Ribadeo.
Tamén en novembro chegará o Black Friday: “este ano como novidade a duración desta campaña en Ribadeo será de catro días do 22 ao 25 de novembro. Haberá importantes descontos co obxectivo de potencias as compras no comercio local e próximo de Ribadeo, fronte ás grandes áreas ou plataformas de venda on line”.
Desde agora e ata finais de ano Acisa seguirá a promocionarse fora do municipio coas campañas Ribadeo, o centro comercial coas mellores vistas e Domingueo en Ribadeo. Desde a directiva da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos indican que “con ambas campañas o que buscamos é atraer clientes e visitantes a Ribadeo sobre todo de outubro a Semana Santa, xa que despois desas datas o normal é que comece a chegar o turismo internacional a esta zona, os peregrinos, etc…”.
Por último, a campaña de Nadal de Acisa Ribadeo desenvolverase do 1 de decembro ao 12 de xaneiro, data na que se celebrará a tradicional Festa do Comercio: “en Acisa optamos por realizar unha campaña especial, de renome, que chame a atención pola contía dos premios que poñeremos en xogo. Queremos manter como única campaña propia durante as vindeiras navidades a Festa do Comercio, na que imos sortear un total de 5.000 euros en premios, a maioría no sorteo presencial, pero tamén haberá un premio de 1.000 euros, que será non presencial, para incentivar aos clientes doutras vilas e cidades a facer as súas compras en Ribadeo durante esas datas, de xeito que se fidelicen con nós. Ademais senón están en Ribadeo o 12 de xaneiro terán a posibilidade de facerse cun importante premio”.