A deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, informou este mércores da apertura do prazo para concorrer ao programa Buxiganga. Trátase da iniciativa posta en marcha polo Goberno da Deputación para dinamizar a actividade cultural nos 67 Concellos da provincia, cun orzamento de 40.000 euros, para dar a coñecer e promover a actuación de grupos de teatro afeccionado lucenses.
García Porto subliñou que “con este proxecto queremos potenciar as artes escénicas na nosa provincia. Facémolo dende a vertente do teatro afeccionado, debido á gran cantidade de escolas de teatro municipais coas que contamos,e que son a verdadeira base que nutre as artes escénicas profesionais de toda a provincia de Lugo”.
A deputada lembrou que “na pasada edición actuaronnosmunicipios da provincia máis de 40 grupos de teatro afeccionado, participando ao arredor de 400 actores, o que da boa conta da importancia de apostar por este tipo de iniciativas, coasque potenciamos o teatro como un elemento de transmisión cultural, ao mesmo tempo que dinamizamos a nosa lingua e fomentamos a actividade lúdica e social nas nosas vilas”.
Bases e prazos
Buxiganga está dirixido tanto aos municipios da provincia, que poderán solicitar a celebración de actuacións entre os meses de maio e outubro, como a aquelas asociacións sen ánimo de lucro, que estean xuridicamente constituídas e que teñan entre as súas finalidades a promoción da cultura.As agrupacións e Concellos que desexen participar nesta convocatoria teñen ata o día 18 de abril para presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral da Deputación.
Os cachés das actuacións serán os seguintes:
-Grupos de 6 a 8 persoas: 500 €/función (tendo as 3 representacións 450 €/función)
-Grupos de 9 a 12 persoas: 750 €/función (tendo as 3 representacións 700 €/función)
-Grupos de 13 ou máis persoas: 850 €/función (tendo as 3 representacións 800 €/función).
Dese caché, a Deputación subvenciona o 80% do custo das actuacións, e os Concellos ou asociacións asumen o pagamento do 20% do custo de cada unha delas, para o que poderán cobrar unha entrada simbólica que en ningún caso poderá superar os tres euros (3 €).
Na páxina web da Deputación (www.deputacionlugo.gal) hai un espazo habilitado no que se poden consultar todas as bases do programa e os documentos que se deben cubrir para entregar a solicitude no Rexistro Provincial.