O Concello de Cervo abriu hoxe, mércores, o prazo de inscrición para a nova tempada das Escolas Deportivas Municipais ofrecendo un amplo abanico de actividades –ata quince- pensadas para todos os públicos.
O edil de Deportes, José Ramón Soto, e a de Educación, Dolores García Caramés, desprazáronse ata os centros educativos da localidade para entregar aos pequenos e pequenas o folleto informativo e as inscricións, que poden entregar na Casa do Mar, na Casa do Concello ou ben ao monitor/a correspondente o día que dea comezo a actividade.
Os pequenas e pequenas poderán asistir a actividade de pequexogos, fútbol sala, patinaxe artística, tenis e ping pong, pádel, bádminton (novidade como actividade independente, xa que anteriormente incluíase nos xogos de raqueta) multideporte –hóckei, atletismo, xogos populares…-, ou ludoarte.
O alumnado do instituto poderá á súa vez practicar skate ou BMX, na nova bañeira de patinaxe do parque Reina Sofía; zumba, aeróbic, pádel, bádminton, volei…
Como cada ano tamén hai actividades pensadas para as persoas adultas que poderán anotarse a aeróbic, aero-zumba, pilates ou ximnasia de mantemento; que se impartirán na Casa do Mar, en San Ciprián, e tamén no Ecomuseo, en Cervo, no caso das últimas tres disciplinas.
Fixouse un número mínimo de 10 persoas inscritas para levar a cabo cada actividade; e os folletos poden recollerse na Casa da Cultura ou no Concello.
Este xoves, 27 de setembro, está prevista unha reunión informativa, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura, aberta a todas as persoas interesadas nas actividades programadas.
As Escolas Deportivas Municipais de Cervo botaron a andar no ano 2007, o que é mostra, tal e como apuntou Soto da aposta decidida do Concello polo deporte; “que é, sen dúbida, un gran compañeiro de vida; e debe ser protagonista desde a mesma infancia, pero tamén na idade adulta”.
Pola nosa banda -engadiu- traballamos intensamente para achegar o deporte a toda a veciñanza co propósito de que o integremos no noso día a día; porque unha vida activa é unha vida saudable”. Polo que convidamos a todos, nenos, nenas e persoas adultas, a que formen parte das Escolas Deportivas Municipais” sentenciou o edil.