O Concello de Cervo vén de abrir o prazo de inscrición para as actividades da nova tempada das Escolas Deportivas Municipais que arrincará o vindeiro 2 de outubro.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o edil de Deportes, José Ramón Soto, achegáronse ata o CEIP Cervo Nº1 para facerlles entrega aos pequenos dos manuais que conteñen toda a información relativa ás actividades e o impreso para formalizar a inscrición que debe ser entregada na Casa da Cultura,na Casa do Concello ou na Casa do Mar.
Villares e Soto animaron aos nenos a que formen parte un ano máis das Escolas Deportivas que cada ano gañan adeptos “tendo en conta os máis de 200 usuarios, nenos e maiores, que participaron na pasada edición”.
Soto destacou que a oferta das Escolas Deportivas Municipais do Concello de Cervo, que botaron a andar no ano 2007, pretende ser o máis ampla e diversificada posible, ofrecendo múltiples actividades aos usuarios como “skate, BMX, fúbol sala, patinaxe artística, deportes de raqueta - pádel, Tenis, Ping-Pong, Bádminton -, zumba, aeróbic, voleibol -único Concello da contorna que oferta este deporte - ; ou diversos xogos para os máis pequenos, entre outras disciplinas”.
E os adultos poden asistir a ximnasia de mantemento, pilates, aérobic e aero-zumba.
Nesta liña Villares destacou o compromiso do Concello de Cervo co deporte no seu conxunto “porque entendemos que é esencial para o benestar físico e emocional das persoas, en todas as facetas do vida, nas idades temperás, pero tamén nas máis maduras; polo que traballamos para facer unha proposta deportiva ambiciosa e o máis atractiva posible”, creo neste senso –engadiu- “que imos humildemente no bo camiño porque vemos como ano tras ano o proxecto inicial medra e evoluciona grazas a implicación de todos”.
O mércores, 27 de setembro, será a presentación oficial da nova tempada das Escolas Deportivas Municipais, no Auditorio da Casa da Cultura, ás 19:00 horas.