O 19 de maio terá lugar a 4ª Ruta Cabalar Monte Castelo, que organiza o Concello coa colaboración da asociación Cabaleiros Pena de Burela. O evento foi presentado nas últimas horas. No acto participaron o alcalde, Alfredo Llano, a concelleira de Medio Ambiente, Noelia Mª Ben, e membros da asociación Cabaleiros Pena de Burela.
A edil burelesa explica que “a saíra será ás 10 da mañá desde o pavillón dos institutos. Á metade da ruta faremos unha parada no Mirador do Monte Castelo, onde se servirán uns pinchos. Despois sairemos cara a praia da Marosa e seguiremos polo paseo ata a praia urbana, onde faremos unha nova parada. A continuación a ruta dirixirase á praza do Concello e despois os cabaleiros percorrerán as principais rúas da nosa vila”.
A concelleira de Medio Ambiente conta que “xa o xantar será ás dúas e media no pavillón do Monte Castelo. O prezo é de 20 euros e é moi importante facer a reserva dos tíckets canto antes. É preciso confirmar a asistencia antes do 16 de maio nos seguintes teléfonos 675 04 67 16 ou 652 34 23 37”.
Noelia Mª Ben engadiu que “logo teremos unha sobremesa amenizada por un dj, con múltiples sorteos e colchonetas gratis para os nenos e nenas”.
Na 4ª Ruta Cabalar Monte Castelo entregaranse varios premios. Haberá trofeos para o xinete e amazona máis nov@s, para os de máis idade, para os que cheguen de máis lonxe, para a asociación máis numerosa (a que se presente con maior número de cabalos) e para a que veña de máis lonxe.
Desde a organización advirten que “cada amazona e xinete faranse responsables dos danos ocasionados polos seus cabalos”.