A 2ª Festa do Ovo Frito terá lugar no campo do Cascabeiro, en Barreiros, o 14 de agosto. A organización agarda reunir a 700 persoas.

A 2ª Festa do Ovo Frito celebrarase o vindeiro martes, 14 de agosto, no campo do Cascabeiro, en San Cosme de Barreiros. O obxectivo é recadar fondos para o Celta Barreiros e pasar unha boa noite de festa. A cita dará comezo ás oito da tarde e por seis euros será posible degustar patacas, un par de ovos fritos, un chourizo, pan e bebida. A noite contará con animación musical. O evento foi presentado este mediodía no Concello de Barreiros coa presenza do alcalde, Alfonso Fuente; do primeiro tenente de alcalde, José Manuel Gómez Puente; e do presidente do Celta Barreiros, José Manuel García Cela, entre outros. 
O presidente do club de fútbol barreirense manifestou que “é a Festa do Ovo Frito que celebramos no campo de fútbol do Cascabeiro, en San Cosme de Barreiros. Xa organizamos o ano pasado a primeira edición para recadar fondos como axuda para o Celta Barreiros de fútbol e tamén para xuntar aos veciños e aos veraneantes no campo, que vexan as nosas instalacións, e que vaian pasar alí un día de festa agradable e divertirse”.
José Manuel García Cela explicou tamén que “vai comezar ás oito da tarde, cando empezaremos a dar a cea, que será: patacas, un par de ovos, un chourizo, pan e bebida, e todo por un módico prezo de 6 euros. O ano pasado, ao ser a primeira vez, non tíñamos pensado que tivera tanta aceptación, pero tivo moi boa acollida e xuntamos preto de 500 persoas. Este ano, se o tempo nos acompaña, pensamos superar as 700 persoas. Hai moito veraneante, o prezo é moi módico, de 6 euros, e as patacas, os ovos e o chourizo gústanlles a case todo o mundo”.
O presidente do Celta Barreiros convidou a que “nos veñan acompañar. Espero que todos saian moi satisfeitos e moi contentos. É unha ocasión de disfrutar nun recinto pechado cos nenos, que non teñen problema ningún, da festa e da cea, e pasalo ben. Haberá unha actuación musical para bailar un pouco ata altas horas da madrugada e ademais teremos mesas e asentos para todos os asistentes”.