Onte tivo lugar na sede do Real Club Náutico de Ribadeo a presentación da 27ª edición da Semana Náutica Ría de Ribadeo, que se desenvolverá dos días 10 ao 16 deste mes coa celebración de varias regatas e o día 21 está previsto recuperar a tradicional Zalea a Abres.
O presidente do Real Club Náutico de Ribadeo, Ramón Acuña, manifestou neste acto que “para o Real Club Náutico de Ribadeo é unha satisfacción poder presentar un ano máis o cartel da Semana Náutica e este ano facelo na compaña do delegado territorial da Xunta de Galicia, a quen lle agradecemos a súa presenza neste acto. O cartel desta semana náutica é cedido por un pintor afincado en Figueiras, co que pode dicirse que este ano facemos un acto de irmandamento con ese pobo próximo”.
Ramón Acuña detallou que “a Semana Náutica comprende desde o día 10 deste mes e ata o sábado 19, cando será a entrega de trofeos. Temos unha serie de regatas que empezan o xoves día 10 co Trofeo Acisa de cruceiro local, e o venres día 11 é o segundo Trofeo do Banco Sabadell Gallego de vela tradicional. O sábado 12 hai un par de trofeos, un é da escola de verán, que é o Trofeo Seat Talleres Armando de vela lixeira para os nenos das escolas de vela; e pola tarde temos o sexto Trofeo Abanca, ás cinco, de cruceiro local. O domingo 13 é o XIX Trofeo da Escola Municipal de Vela, tamén de vela lixeira para os nenos, e pola tarde temos o 18 Trofeo Paradores de vela tradicional. O luns empezamos cunha xornada de portas abertas da embarcación de salvamento marítimo Salvamar Alioth e ás cinco da tarde o XXVII Trofeo Concello de Ribadeo de vela tradicional. O martes 15 será o sexto Trofeo Real Club Náutico de Ribadeo Semana Náutica de cruceiro local; e o último día, o mércores 16, o XIX Trofeo da Deputación de Lugo de vela tradicional. O sábado 19 faremos a entrega de trofeos da Semana Náutica”.
Ramón Acuña subliñou que “aínda que non está recollido no programa, pero si aparece na convocatoria que se lle enviou aos socios para a asemblea que se vai facer o día 16, queremos facer mención a que o día 21 se o tempo o permite, este ano afortunadamente conseguíronse os permisos, faremos a clásica Zalea que se facía á área recreativa de Abres. En caso de que non fora posible polo tempo ou porque as embarcacións non puideran chegar, poderíase substituír por unha zalea na ría dentro do mesmo ritmo que se viñeron facendo nestes anos atrás”.
O presidente do Real Club Náutico de Ribadeo engadiu: “pretendemos poñer de manifesto o labor que se ven desenvolvendo no Club Náutico durante estes anos en prol do fomento da vela deportiva e, sobre todo, buscando na canteira dos nenos para que se acheguen ao Club Náutico de Ribadeo para que poidan disfrutar de aquilo que para min é o máis grande que temos en Ribadeo, que é a nosa ría”.
Pola súa banda o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presente neste acto, declarou: “é para min unha hora estar hoxe aquí nun ambiente tan agradable e tan propicio para o disfrute. A Semana Náutica chega á súa 27 edición e acredita unha traxectoria exitosa en canto á organización e á participación. Sen dúbida é posible grazas ao traballo dos responsables do Real Club Náutico de Ribadeo”.
Balseiro salientou que “o club é toda unha institución nesta vila, axuda a dinamizar e difundir os atractivos de Ribadeo coa celebración de eventos como o que hoxe estamos a presentar aquí. Entre o 10 e o 19 de agosto numerosos veciños, pero tamén, sobre todo, numerosos visitantes congregaranse no porto para disfrutar das competicións que están programadas. Para que este espectáculo teña o realce que merece é preciso realizar un traballo constante durante todo o ano, que é o traballo que veñen de facer vostedes. Neste punto teño que subliñar a excelencia das instalacións nas que aquí estamos e da xestión que leva a cabo a directiva do Club Náutico, que se veu recoñecida coa Q de calidade turística, coa bandeira azul e coa certificación ISO de calidade”.
O delegado da Xunta en Lugo manifestou tamén que “a comarca en xeral e Ribadeo en particular teñen no mar o seu principal atractivo turístico, o que nos obriga a realizar unha xestión responsable e sustentable deste recurso, á vez que, tamén por suposto, rendible”.