Arredor de 180 veciños e veciñas pertencentes a oito entidades da provincia participan esta semana no programa de viaxes gratuítas Coñece a túa provincia, a terceira edición dunha iniciativa organizada pola Deputación de Lugo. Dende hoxe, martes, ata o venres, veciñanza de Quiroga, Lugo, Castroverde, A Pastoriza, Foz, Alfoz e Chantada percorrerá diferentes municipios da Mariña, a Ribeira Sacra e os concello da Fonsagrada e Negueira de Muñiz, na comarca da Montaña.
A semana arrancou coa visita da Asociación Cultural Souto do Val, de Quiroga, e a Asociación de Veciños de Orzabai, de Lugo. Os quirogueses visitaron en primeiro lugar o Pazo de San Marcos para, posteriormente, visitar os concellos do Vicedo, Viveiro e Ourol. Os lucenses comezaron a ruta na Granxa Gayoso Castro e tamén continuaron cara A Mariña para coñecer a fervenza do Pozo da Oza, no Valadouro, e o Castelo de Castrodouro, en Alfoz, entre outros recursos destes municipios.
Xa o mércores, a Asociación Cultural e Veciñal de Miranda, de Castroverde, achegarase á Produtora de Audiovisuais da institución provincial para posteriormente percorrer o concello de Cervo, onde fará unha visita á fábrica de Sargadelos e á vila de San Cibrao, onde se atopa o Museo do Mar, de titularidade provincial. Tamén nesta xornada, a Asociación Parroquial de Amas de Casa e Consumidores de Santa María de Bretoña, na Pastoriza, viaxarán ata a Ribeira Sacra para coñecer Quiroga cunha visita ao Museo Etnográfico ou o Xeomiradoiro de Campodola.
O xoves será a quenda de dous colectivos mariñáns, a Asociación de Veciños de San Pedro de Cangas, de Foz, e da Asociación de Veciños San Vicente de Lagoa, de Alfoz. Os focegos visitarán o Pazo de San Marcos e logo desprazaranse a Sober e Monforte de Lemos. Pola súa banda, a veciñanza de Alfoz coñecerá o traballo da Granxa Gayoso Castro e poñerá rumbo despois á Fonsagrada e Negueira de Muñiz.
Por último, o venres, participarán neste programa a Asociación Cultural e Deportiva Capela Sixtina de Nogueira, de Chantada, que percorrerá o Pazo de San Marcos e os concellos de Burela e Foz; e a Asociación Cultural e Deportiva do Castro de Vilaronte, de Foz, que estará na Granxa Gayoso Castro e achegarase seguidamente ao concello de Sober e Monforte de Lemos.