Máis de 170 persoas de 8 entidades participan esta semana no programa Coñece a túa provincia da Deputación de Lugo. Son veciños e veciñas dos concellos de Lugo, Outeiro de Rei, Láncara e Xermade os que viaxarán pola provincia ao longo da semana grazas a esta iniciativa de rutas gratuítas que impulsa a institución provincial para colectivos sen ánimo de lucro. Unha proposta que naceu co obxectivo de fomentar o coñecemento da provincia e favorecer o turismo de proximidade.
Este martes comezaron as viaxes coa Asociación de Veciños Deportiva e Cultural Ríos Miño e Ladra de Martul, de Outeiro de Rei, e a Asociación de Mulleres Rurais O Noso Lar, de Láncara. A entidade de Outeiro de Rei visitou o Mazo de Santa Comba e, posteriormente, puxo rumbo a Sober para coñecer unha adega de Amandi, visitar a Rectoral de Gundivós e descubrir o traballo da olería tradicional. Tamén fixeron unha ruta no catamarán Deputación polo Canón do Sil.
Por outra banda, o colectivo lancarés empezou o percorrido no Centro de Interpretación Terras do Miño para continuar pola Mariña. Neste caso, achegáronse aos concellos de Xove e Viveiro, onde visitaron o Faro Punta Roncadoira, o monumento natural Souto da Retorta e o centro histórico viveirense.
Xa o mércores será a quenda de dúas entidades lucenses, a Asociación de Veciños de Santa Cristina de San Román e a Asociación de Veciños de Coeses Agro Maior,que se trasladarán ata a Ribeira Sacra. Os primeiros viaxarán a Sober tras coñecer o Mazo de Santa Comba, mentres que os de Coeses farán un percorrido por Taboada e Chantada, con paradas en diferentes igrexas románicas ou o centro histórico chantadino, despois de ver as instalacións do Centro de Interpretación Terras do Miño.
Amuraxe, de Xermade, e a Asociación Provincial de Amas de Casa e Consumidores Lucus serán as entidades que participarán o xoves nestas viaxes, con paradas no Pazo de San Marcos e o Mazo de Santa Comba, respectivamente. Os primeiros visitarán Sober e o colectivo lucense percorrerá o patrimonio de Pantón e Carballedo, que inclúe visitas a unha adega, ao pobo dos Peares e ao convento do Divino Salvador de Ferreira de Pantón, entre outros.
Por último, o venres, a Asociación Veciñal, Cultural de Piñeiro Rancho Grande, de Lugo, fará unha primeira parada na Granxa Gayoso Castro da Deputación e posteriormente achegarase a Lourenzá e Mondoñedo. Por outra banda, o Centro Cultural Pena de Rodas, de Outeiro de Rei, visitará o Pazo de San Marcos e continuará a viaxe cara a Montaña. Neste caso coñecerán a Aldea de Piornedo, en Cervantes, e Navia de Suarna.
Durante a tempada de outono, dende setembro ata novembro, son máis de 1.230 persoas de 55 entidades da provincia as que percorrerán a provincia con este programa que a Deputación puxo en marcha co obxectivo de que a veciñanza coñeza mellor toda a riqueza patrimonial das distintas comarcas lucenses e dinamizar desta forma a economía local, sobre todo o turismo, a hostalería e o comercio.
O programa Coñece a túa Provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas realízanas profesionais que teñen a habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.