Nordés Faladora organiza unha xornada sobre o ourizo de mar. Será o vindeiro sábado, 7 de marzo, en Loiba e Espasante, en Ortegal.

Nordés Faladora organiza unha xornada sobre o ourizo de mar. Será o vindeiro sábado, 7 de marzo, en Loiba e Espasante, en Ortegal.
 
Para este mes de marzo a asociación Nordés Faladora propón unha actividade que, de novo, ten coma eixe o mar e os seus habitantes. Nesta ocasión, a volta á beira do mar de Loiba é para dar a coñecer a un manxar extraño ás mesas galegas, aínda sendo moi apreciado dende tempo atrás nas da nosa veciña terra asturiana: o ourizo de mar. 
Na praia da Ribeira do Carro, e saindo do Restaurante "O Galeón" de Loiba  desenvolverase a primeira parte da xornada baixo a dirección de José Antonio Canoura, achegándonos á forma de coller os ourizos con xeito, é dicir, diferenciándoos para apañar aqueles que sexan os idóneos para o seu consumo, así como, por suposto, facéndoo tendo en conta o tamaño mínimo permitido. E como tanto traballo de campo, ou mais ben de praia, abriranos o apetito, pois que mellor sitio que o restaurante "Orillamar" de Espasante para apreciar as virtudes gastronómicas do ourizo de mar, caviar das nosas costas. (Precísase reservar chamando ó 653756454 Ricardo. Prezo 15 euros)
Como está prohibida a súa recolleita nalgúns meses do ano, e de seguro que, unha vez o probemos, imos querer consumilo noutras ocasións sen meternos a furtivos, o seguinte paso será falar de como procesalo para mantelo en conserva.
E será de novo José Antonio Canoura, como experto na materia, quen nos amosará como facer as devanditas conservas. Deste xeito seremos capaces de disfrutar do ourizo do mar en todas as etapas da cadea: recolleita, elaboración e degustación, a cal se fará todavía máis pracenteira se o acompañamos con aquel poema de Neruda que dí:
"El erizo es el sol del mar, 
centrífugo y anaranjado,
 lleno de púas como llamas, 
hecho de huevos y de yodo. 
El erizo es como todo el mundo:
 redondo, frágil, escondido;
 húmedo, secreto y hostil:
 el erizo es como el amor"