O Concello volve organizar o Rastrillo Popular Solidario, que se celebrará o vindeiro domingo, 14 de xullo, de dez da mañá a tres da tarde na praza da Mariña. O concelleiro de Cultura, José Díaz, explica que se recupera este formato no verán. O obxectivo é facer unha edición este domingo e outra no mes de agosto.
O edil dixo que “para este domingo, 14 de xullo, imos ter outra edición do Rastrillo Popular Solidario en Burela. Xa o empezamos a facer no ano 2016 e tamén o fixemos en 2017 e 2018. Despois paramos un pouco porque vimos que ao mellor facelo unha vez ao mes non tiña moito senso, xa que os produtos eran case sempre repetidos, non había moitas novidades xa que viña un grupo parecido de xente, e vimos que había menos afluencia”.
José Díaz comentou que “decidimos recuperalo en verán. Probablemente faremos este rastrillo e outro máis en agosto. Son boas datas, hai moita xente pola zona que temos comprobado que no verán se achega, hai máis movemento de xente e é bo para todos”.
O concelleiro de Cultura lembrou que “os que se apunten teñen que doar dous quilos de alimentos ao banco de alimentos de Burela, esa é a única condición, e despois vender eses produtos de rastrillo a prezos moitas veces case simbólicos, esas cousas que ás veces temos gardadas na casa. Esperamos que haxa bo ambiente este domingo, 14 de xullo, entre as dez da mañá e as tres da tarde, que será o horario do rastrillo”.
José Díaz sinalou que “toda a xente que se queira apuntar ten que facelo a través da Casa da Xuventude en Burela, chamando ao teléfono 982 58 11 41, mandando un mail á casadaxuventude@burela.org ou achegándose as dependencias da Casa da Xuventude deixando nome, DNI e teléfono. E o domingo a partires das nove da mañá xa poderían recoller a súa mesa e aí colocar os produtos que teñan”.
O edil burelés adiantou que “faremos outro rastrillo probablemente a mediados de agosto, imos ver a resposta do que celebramos este domingo e o movemento de xente que hai, se é bo repetiremos en verán. O que non faremos é celebralo todos os meses de ano, simplemente limitalo a estes dous meses. Esperamos que haxa moita participación este domingo e moito movemento na praza da Mariña, porque son cousas que tamén atraen para que haxa xente tomando algo nos locais de hostalería de Burela. É o que tratamos de facer, conseguir cousas diferentes para os días de verán e que se mova un pouco a xente polo noso pobo”.