Do 22 de marzo ao 5 de abril estará aberta a inscrición para participar no XIV Ribadeo de Tapeo, que se celebrará do 11 ao 19 de maio.

Do 22 de marzo ao 5 de abril estará aberta a inscrición para participar no XIV Ribadeo de Tapeo, que se celebrará do 11 ao 19 de maio. O formato do concurso será o mesmo dos últimos anos, segundo explicou hoxe a concelleira de Turismo e Comercio, Ana Martínez. Haberá un xurado profesional e o público tamén elixirá a mellor tapa. E o prezo destas miniaturas da cociña será de 1,50 euros.

A edil nacionalista contou que “un ano máis, xa ás portas da primavera e desde o Concello de Ribadeo queremos abrir o prazo para o Ribadeo de Tapeo, para a inscrición dos establecementos que queiran participar no Ribadeo de Tapeo, que xa vai pola súa edición número 14. Este ano as datas de celebración serán dende o 11 ata o 19 de maio. Todos os establecementos interesados en participar deberán inscribirse e poden facelo a partires de mañá mesmo, 22 de marzo, ata o 5 de abril, no Concello de Ribadeo. Poderán atopar toda a información para tal fin na sede electrónica da páxina web do Concello, ribadeo.gal, ou chamando á Oficina de Turismo ao 982 128 689”.

Ana Martínez salientou que “o Ribadeo de Tapeo é un dos grandes atractivos dentro da programación do Concello de Ribadeo, quizais un deses eventos que tamén busca apoiar e potenciar o noso sector servizos, a hostalería ribadense, e durante un mes non moi forte no tema de ventas e eventos como pode ser o mes de maio, previo xa á tempada estival. É un referente en toda a contorna pois o Ribadeo de Tapeo é un dos concursos deste tipo máis antigos de Galicia, e eu creo que ademais ten unha categoría e un caché que o fan especial, desde logo para visitar cada ano, imposible de deixar. Creo que achegarse ao Ribadeo de Tapeo xa forma parte dese círculo de amizades que quedamos durante o mes de maio en Ribadeo”. 

A concelleira de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio cre que “tamén é un dos mellores escaparates para a nosa hostalería porque si é certo que moitos establecementos durante todo o ano xa están ideando con que deleitarnos, con ese pequeno bocadiño que ano tras ano nos presentan nos seus establecementos. O formato de selección vai ser similar aos últimos anos. Haberá dous tipos de xurado, o xurado profesional ao que poderán optar voluntariamente ou inscribirse os establecementos e o xurado do público, que somos cada un de nós que imos polos establecementos probando as súas tapas e que a modo de pasaporte levamos esa tarxetiña onde se nos vai selando, e logo nós depositamos, ao final do concurso, nunha das urnas que están nos propios establecementos para indicar cal é no que máis no gustou a súa tapa e a súa barra, e poder así tamén agasallalos co premio do público”.

Ana Martínez engadiu que “o prezo se mantén igual que nos últimos anos, a 1´50 euros por tapa. Creo que é un prezo adecuado e módico para poder degustar a calidade, o traballo e o esforzo que nos presentan os hostaleiros e as hostaleiras de Ribadeo. Animo a que, como todos os anos, os establecementos de hostalería se acheguen ao Concello para inscribirse e participar, e lembro que isto pódese facer ata o 5 de abril”.