A compañía Elefante Elegante presenta este sábado, 23 de febreiro, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, a obra Patapatúm. A representación dará comezo ás 18:00 horas e está dirixida a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 8 anos.
Elefante Elegante presenta un novo espectáculo na liña do seu traballo xestual e cunha forte compoñente plástica e musical. Patapatúm propón unha reflexión sobre a presenza dos bens materiais nas relacións entre país e fillos. Conta como os país e as nais adoitan ofrecerlles moreas de xoguetes aos seus fillos e ocupacións permanentes para que non se aburran, pero o aburrimento non é sempre negativo e pode desenvolver a súa creatividade. Por outra banda pode acontecer que eses obxectos materiais intenten colmar a falta de tempo que os proxenitores teñen para dedicar aos seus fillos.