A compañía A Xanela do Maxín ofrecerá o 23 de febreiro unha actuación do seu espectáculo O Murmurio do Mar no auditorio da Casa da Cultura a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios.
Trátase dunha montaxe escénica e musical destinada ao público familiar que, ademais de conxugar música e teatro, tamén achega unha nova maneira de ver e escoitar o mar con monicreques, lendas e cancións. A función terá lugar no auditorio de Burela este sábado, 23 de febreiro, ás 18:00 horas. As entradas custan 2,5 euros e pódense adquirir na billeteira do propio auditorio o mesmo día da función a partir das 17:00 horas.
En O Murmurio do Mar, a través da música, monicreques e obxectos, “somérxenos nun universo tan real como lendario, un mundo mariñeiro do que sabemos algunhas cousas e descoñecemos moitas outras, porque o mar trae consigo sons, lendas e tamén cancións . Un mar, que sobre todo, debemos coidar e respectar. En escena contaremos coa presenza da dramaturga e actriz Celtia Figueiras e co músico e titiriteiro Luis Vallecillo, que acompañará a actuación cos seus monicreques, guitarra e acordeón”, explican desde a propia compañía.