O Concello de Ribadeo, desde á Área de Turismo, pon e marcha un novo itinerario turístico que ten como obxectivo “a posta en valor do corazón do noso municipio, o noso interior, un espazo fermoso, que ata o de agora se atopaba discretamente silenciado”, segundo explica Ana Martínez.
A concelleira ribadense subliña que “estamos diante dun área xeográfica que posúe unhas paisaxes únicas, que fan que este territorio presente un gran potencial turístico, ofrecendo unha gran variedade de recursos de todo tipo, culturais e históricos”.
Martínez conta que “con este itinerario queremos empregar a riqueza do interior como estratexia diferenciadora de cara a consolidar o turismo de interior como unha alternativa diversificadora da economía local e dos fluxos turísticos, empregando como fío condutor o patrimonio diferencial presente no corazón de Ribadeo”.
Este itinerario turístico, denominado Camiño do Encanto, desenvolverase en dúas fases. “Por unha banda a sinalización direccional, recentemente colocada, e unha segunda fase, que se desenvolverá proximamente, onde se sinalizarán os recursos histórico- patrimoniais e naturais máis salientables no interior de Ribadeo e por onde transcorre este roteiro o Camiño do Encanto”, segue a relatar a concelleira de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio.
A edil ribadense engade que “se trata dun itinerario circular no que se pretende descubrir os encantos máis agochados do corazón do interior do concello de Ribadeo. Así, partindo do centro da vila, o percorrido encamiñaranos cara o interior seguindo a sinalización direccional que nos leve a percorrer as parroquias de Ove, Covelas, Arante, Cedofeita e Vilausende. Durante o mesmo poderemos gozar de vistas panorámicas extraordinarias e atopar salientables elementos do patrimonio natural e cultural que durante moitos anos quedaron esquecidos. Atoparemos tres miradoiros: Ove en Santa Cruz, desde o cal poderemos avistar a vila de Ribadeo e a súa ría, un segundo en Remourelle na Madanela e un terceiro en Lourido en Vilausende”.
Ana Martínez declara que “no transcurso desde este itinerario poderemos coñecer elementos patrimoniais e ou históricos tales como a igrexa de Covelas, a capela da Nosa Señora das Virtudes e as súas pinturas, o Pazo de Cedofeita, as pegadas do encanto, a ponte de Pena Tallada, a casa indiana do Agrelo, o Pazo de Quintalonga, e próximos ao pozo de Lexoso, Monte Comado, entre outros. Este itinerario identificarase mediante, ademais das sinais direccionais,a colocación de sinais e novos paneis informativos en cada recurso e será apoiado documentalmente cun folleto informativo”.