A Área de Cultura e Turismo de Alfoz programa para a ponte de novembro dúas sesións de teatro e unha nova ruta de sendeirismo.

Na vindeira fin de semana, coincidindo coa ponte de todos os santos, a Área de Cultura e Turismo do Concello de Alfoz ten programadas dúas sesións teatrais, dentro do ciclo de Teatro de Outono, así como unha nova ruta de sendeirismo.
 
O ciclo de teatro, que se celebra no salón de actos do Centro Sociocultural de Alfoz, contará o venres 2 de novembro ás 19:00 horas coa obra "Asubíos", da compañía Elefante Elegante. Esta obra, programada polo Concello de Alfoz, en colaboración coa Mancomunidade de Concellos da Mariña, enmárcase dentro do programa de dinamización do galego “FalaRedes”, deseñado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para os concellos da Rede de Dinamización Lingüística. O teatro continuará o sábado 3 ás 19:00 horas, coa obra "Tren a Nápoles" da compañía Unidade do Zono, desta volta dentro do circuíto de teatro afeccionado “Buxiganga” da Deputación de Lugo.
 
Así mesmo, as Rutas de Outono, deseñadas polo concello de Alfoz, lévannos desta volta a un dos tesouros naturais da cunca do río Ouro, a Fervenza do Escouridal. A ruta está programada para o xoves 1 de novembro. Os interesados deberán reunirse no punto de encontro, sito diante do Centro Sociocultural de Alfoz, ás 9:30 horas, para a continuación desprazarse ata O Pereiro desde onde se iniciará unha ruta circular duns 5,2 km., cunha duración aproximada de dúas horas e media. Tal como nos di Xabier Pardiñas, responsable da Área de Cultura e Turismo do Concello de Alfoz. “trátase de dar a coñecer as nosas rutas nunha estación onde, tanto a paisaxe coma o público interesado en participar, son completamente diferentes aos da época estival”. Estas rutas que continúan ata o 16 de decembro están deseñadas para grupos de 49 persoas como máximo e estarán guiadas por Pedro Rolle de O Freixo dos Lobos.
 
Todas estas actividades programadas son gratuítas. No caso das rutas deberanse inscribir nos teléfonos 657 84 92 00 ou 666 37 24 03 e nos correos ofreixodoslobos@gmail.com ou turismo@concellodealfoz.com.
 
Para a xente que se acerque a Alfoz na vindeira fin de semana, cabe recordar que a Oficina de Turismo e o resto das salas do Castelo do Castrodouro permanecerán abertas nesta ponte de novembro o xoves 1, o venres 2 e o domingo 4, en horario de 11 a 14 e de 16 a 19 horas. No resto do mes de novembro poderán visitarse sábados, domingos e festivos no mesmo horario.