O parque de San Francisco será escenario de diversos espectáculos ao longo desta semana. Haberá citas para o público infantil e familiar e moita música. E o sábado en Porcillán terá lugar o concerto de Son do Sil.
O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, anunciou que “hoxe, martes 24, no parque de San Francisco ás oito e media da tarde as familias, e sobre todo os pícaros e as pícaras, que estean atentos porque vai aparecer un novo circo cun espectáculo titulado Baila un vestido verde con Pista Catro”.
O edil nacionalista contou que “tamén no parque de San Francisco, o día 25 de xullo, Día da Patria Galega, temos o concerto co que se conmemora esa celebración todos os anos en Ribadeo a cargo da Banda de Música Municipal de Ribadeo, que leva por título Concerto do Día da Patria, será ás oito e media”.
Graña seguiu a relatar que “entre os días 27 e 29 vaise celebrar o VIII Curso de Iniciación ao Jazz, á Improvisación e á Música Moderna de Ribadeo. Trátase dunha actividade na que xente de Ribadeo e xente que nos visita, porque lle resulta atractiva a nosa terra, van participar nun curso de iniciación no que poñerán en práctica as súas habilidades musicais e aprenderán novas cousas que nos mostrarán cun concerto de clausura o domingo”.
O concelleiro de Cultura sinalou que “o día 27 no parque de San Francisco ás oito e media, o programa Cultura no Camiño con Xoán Curiel traerá o espectáculo Estamos no verán. De novo as familias, os nenos e as nenas alí convocados, van disfrutar dun bo espectáculo de circo”.
Graña engadiu que “o sábado 28, tamén no parque de San Francisco, teremos o XXIV Festival de Bandas que organiza a Banda Municipal de Música de Ribadeo. Se o tempo non fora bo e benevolente con nós este acto pasaría para o Auditorio, pero esperemos que faga bo tempo e poidamos gozar todos dunha boa tarde de música no parque de San Francisco. Tamén o sábado como unha cousa froito un pouquiño da improvisación, dito no bo senso da palabra, e sobre todo grazas a vontade dun grupo de amigos e amigas das festas de Porcillán, teremos unha actuación do grupo Son do Sil, ás dez e media da noite. Un grupo de persoas que estaban un pouco tristes porque se perdían as festas do Carme, decidiron a última hora facer un gran esforzo para intentar salvar esa cita. Grazas á colaboración de Acisa e un pouco botando nós unha man desde o Concello o grupo Son do Sil vai actuar no porto de Porcillán ás dez e media da noite este sábado”.
O edil ribadense manifestou que “o domingo será a clausura do curso de jazz e teremos o concerto que será ás oito no parque de San Francisco. Ese mesmo domingo, en Rinlo, teremos a presentación, ás nove e cuarto da tarde, do vídeo clip Xota mariñá, que foi ambientado e gravado en Rinlo e que protagoniza o grupo musical Tumba e Dálle, no que hai xente de Ribadeo e da Mariña luguesa”.
Para Farruco Graña “esta é unha semana chea de actividades así que a gozar do verán, a pasalo ben e a saír ás rúas que é a festa da rúa esta semana, especialmente no parque de San Francisco”.