O 21 de xullo celébrase a III Carreira Nocturna Burela Bonita. A organización agarda superar os 240 inscritos do ano pasado.

A III edición da Carreira Nocturna Burela Bonita terá lugar o día 21 de xullo. O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, agarda que se superen os 240 inscritos do ano pasado. O evento foi presentado este mediodía no Concello burelés.

O edil de Deportes anunciou que “presentamos a terceira edición da Carreira Nocturna Burela Bonita que imos celebrar o día 21 de xullo, a partir das dez e media, vai ser a carreira de 5 e 10 quilómetros”.

Ramiro Fernández subliñou que “este ano imos facer a carreira dos nenos, que o ano pasado fixémola pola mañá, con anterioridade á carreira principal. Nesta edición imos dar trofeos en todas as categorías como novidade, e esperamos que a participación do ano pasado, que foi de 240 persoas, mellore nesta edición e que haxa máis xente que participe na carreira”.

O concelleiro burelés lembrou que “foi unha iniciativa que botamos a andar cando entramos no goberno municipal e estamos moi satisfeitos con ela. É un deporte que agora mesmo está moi de moda, e o ano pasado os atletas felicitáronos polo cambio que fixéramos con respecto á primeira edición, e por iso decidimos repetir o mesmo recorrido”.

Fernández Rey anima “a todo o mundo a participar, poden facer as inscricións a través de championchipnorte. Tamén queremos agradecer a todos patrocinadores que nos axudan nesta carreira porque sen eles non sería posible, e a inestimable axuda que nos dá a Deputación de Lugo, que nos financia unha parte moi importante da proba”.

A inscrición pode facerse en www.championchipnorte.com. A recollida de dorsais será, na Praza de Abastos, o 20 de xullo de 18:00 a 20:30 horas, e o 21 de xullo de 19:00  a 21:00 horas. A saída da proba será da Praza da Mariña ás 22:30 horas.

Os premios na carreira de 10 quilómetros serán de 100 euros para o primeiro, 50 euros para o segundo e trofeo para o terceiro, nas categorías masculina e feminina. Na proba de 5 quilómetros os tres primeiros clasificados recibirán un trofeo, na categoría masculina e feminina. Ademais haberá un premio de 100 euros para o primeiro corredor/a local.