Do 22 ao 24 de xuño terá lugar en Ribadeo a segunda edición da campaña Os prezos arden, que organiza a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos e na que participan 35 establecementos. Estes locais ofrecerán interesantes promocións e descontos aos seus clientes que oscilarán entre o 10 e o 50%.
O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, explica que “con esta campaña o que buscamos é adiantarnos ao inicio das rebaixas de verán, para atraer ao cliente a visitar as nosas tendas, mercar artigos que estean en promoción e de paso botar unha ollada e ver os outros produtos que alí poden atopar e que lles poidan interesar. Chega o verán e é un bo momento para comprar roupa e material para ir á praia. Hai moita xente que estivo a retrasar estas compras, debido ao mal que tivemos ata o de agora. Entón este é o seu momento”.
Iriarte engade que “entre os 35 participantes, que farán descontos do 10, 20, 30 e ata o 50%, temos tendas de roupa, deportes, complementos, papelerías, centros de beleza, ópticas, mercerías… onde todos atoparemos o que precisamos para estes meses de verán. Ademais de descontos nos comercios participantes os clientes haberá promocións, agasallos, etc”.
O presidente de Acisa subliña que “como sempre desde Acisa Ribadeo o que pretendemos con esta campaña Os prezos arden é fomentar as compras no pequeno comercio, no que temos a carón da casa. E neste senso continuamos co noso traballo de concienciación e seguimos sumando establecementos asociados. Imos pasiño a pasiño, pero sen pausa”.
Os locais que se dan cita en Os prezos arden son Ginzo, Sanjurjo, Esprit, Opticalia, Bora Bora, Bodegas Ribeirao, Óptica Miró, Mercería Torviso, Güendolina, Pippols, Julia Moda Infantil, Dándara, Naná, Boutique Valentina, Boutique Del Río, Saia, Óskar Peluqueros, Bis a Bis, Terra Branca, Óptica Carreira, Hola Ola Street, Hola Ola Surf, Coco, Jatay, Farfala, Folder, Pequerrechos, Mercería Vizcaya, Glass, Deportes Docobo, R23, Bimba 13, Anaís, Platería Gutié, Castillo de Pesca.