A cita foi presentada no escenario no que se vai desenvolver, o Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Cultura, Dolores García Caramés, acompañados por Inés Cobas e Isabel Fernández, en representación da Asociación de Mulleres Rurais “As Espalladoras”, e de Alberto Casas, que repite na organización.
Segundo explicou Villares nesta nova edición de Gadélica "seguimos contando co apoio importante na colaboración e a organización das Espalladoras, que fan que este evento sexa posible; así como de varios veciños que, dun xeito totalmente altruísta, se entregan ao 100% para levar adiante este proxecto. Un evento no que a música e a natureza se fusionan ofrecendo unha faceta diferente e máxica desta paraxe, na que volveremos prestar especial atención á decoración e a ilumniación, de xeito que As Antigas Fábricas de Sargadelos e a súa contorna reflictan a súa beleza natural".
Con esta terceira edición “damos continuidade a este encontro artístico multidisciplinar que naceu en Sargadelos, e que xa se está a consolidar como unha alternativa cultural e musical do verán na Mariña”.
No recinto haberá dous escenarios; o Main Stage acollerá aos concertos máis multitudinarios da cita, como o de Malandrómeda; e o Delos Garden, no que se alternarán sesións de dub, reggae e música alternativa.
Segundo sinalou Caramés “agardamos que esta nova edición de Gadélica sexa un punto de encontro para todo tipo de público, esa é a filosofía sobre a que se está a traballar, de feito, préstase especial atención á programación de actividades paralelas pensadas para os mozos e mozas, que cremos que resultarán atractivas e interesantes como clases de ioga, obradoiros de artesanía, maxia ou malabares”.
O festival contará con gran diversidade de postos de artesanía e gastronomía que farán de Gadélica Sargadelos un encontro de diferentes culturas e no que degustar diferentes receitas.
Desde o Concello engaden: "animamos pois a todos e todas, á veciñanza e as persoas que nos visiten a que veñan pasar esta fin de semana diferente a Sargadelos e gozar dun dos referentes e símbolos do noso Concello revestido neses días a base de música, cor e arte para todos os públicos".