A Concellería de Cultura presenta á compañía Caramuxo Teatro, dentro da programación cultural da Rede de Teatro e Auditorios de Galicia e de AGADIC. A actuación será mañá, 19 de maio, ás 18 horas no auditorio da Casa da Cultura, a entrada será de 3 euros e a idade recomendada será para público de 6 meses a 5 anos e familiares.
Caramuxo Teatro é unha compañía de teatro infantil e familiar nada na Coruña no ano 2003 dirixida por Juan Rodriguez e Laura Sarasola. Traballa ademáis, nunha liña especifica na creación de espectáculos para bebés. Caramuxo crea espectáculos poéticos e visuais axeitados para gozar en familia, tendo unha especial responsabilidade có público mais novo. Dende os inicios mistura diferentes técnicas, teatro de actor, títeres, danza… A liña de traballo parte duns textos elaborados a partir da experiencia no eido educativo, tratando de ser un referente de producións de calidade, creando espectáculos nos que se consideren aspectos didácticos a nivel cultural ademais do artístico, que consigan a fidelización do público.
Redondo é un espectáculo para a primeira infancia que xoga coas formas. A Mr.Round fascínanlle todos aqueles obxectos redondos, os máis curiosos obxectos con forma de circunferencia. Un día, na incesante procura atopará unha asombrosa esfera que agocha historias sorprendentes. Unha proposta visual, case sen palabras, para gozar en familia.
Nesta cita abórdanse cuestións como as formas, as cores, elementos naturais (a mazá, o verme, a bolboreta), dentro e fora, as partes do corpo, a música e a expresión corporal.