A Praza dos Campos será o escenario para conmemorar o Día das Letras Galegas, en San Ciprián.
O grupo A Rebolaxe, coa colaboración do Concello de Cervo, está a organizar unha xornada cunha ampla programación para a tarde do mércores, 16 de maio.
A cita, presentada polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a edil de Cultura, Dolores García Caramés, e por varios membros da organización, comezará ás 18:30 horas con diferentes xogos tradicionais de balde dirixidos tanto aos nenos como aos adultos.
Ás 19:30 horas será a quenda da gastronomía a base de racións de panceta, chourizos e salchichas.
A tarde estará amenizada coa música do grupo local A Rebolaxe e da banda de gaitas de Burela Dambara; e ás 21:30 horas, porá o broche de ouro o grupo de música tradicional Carapaus, que ofrecerá un concerto programado pola delegación de Cultura do Concello de Cervo.
O rexedor sinalou que desde este Concello colaboramos sempre con medios humanos, materiais e infraestruturas necesarias, con todos eses grupos e asociacións locais que “fan un traballo altruísta importantísimo para dinamizar o noso pobo coa gran cantidade de actos que programan ao longo de ano, dos que todos, a veciñanza e o comercio, nos beneficiamos”.